Luns, 09 Febreiro 2015 12:00

O programa Reacciona fai posible que arredor de 200 novos titulados se especialicen en contacto co mundo da empresa

 O director do Instituto, Javier Aguilera, reuniuse cun grupo de bolseiros que veñen de completar o seu período formativo e destacou a importancia da súa colaboración nos procesos de implantación de proxectos de mellora nas pemes galegas. Lembrou que o próximo día 10 de febreiro remata o prazo de solicitudes ao abeiro da nova convocatoria para a selección dos 100 novos titulados que poderán participar na segunda edición do programa.

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- O programa Reacciona está facilitando que arredor de 200 novos titulados teñan a oportunidade de especializarse en contacto directo co mundo da empresa, segundo salientou o director xeral do Igape durante o seu encontro cun grupo de bolseiros que veñen de rematar a súa participación no programa.

O director do Igape destacou que o programa Reacciona ten como obxectivo prioritario a mellora das competencias e habilidades dos xestores das empresas, para que os cambios introducidos na xestión poidan ter carácter permanente. Neste mesmo sentido, Aguilera destacou que a profesionalización das PEMEs, e especialmente das de menor tamaño, é imprescindible para que poidan medrar e converterse nas empresas que necesita unha Galicia competitiva, a que se busca coa Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0.

O programa Reacciona está nestes momentos aberto á presentación de solicitudes por empresas interesadas. Ao mesmo tempo, e ata o próximo día 10, está aberta a convocatoria 2015 para seleccionar a cen novos titulados que desexen especializarse colaborando, durante este ano e o próximo, na implantación de servizos de mellora da competitividade nas pemes. Na actualidade, son xa máis de 400 as empresas que se están a beneficiar do programa Reacciona.

Aguilera destacou a importancia do papel desenvolvido polos bolseiros que colaboran na implantación dos proxectos de mellora amparados polo Programa Reacciona. O desenvolvemento de cada un dos proxectos de mellora conta co asesoramento de expertos e coa colaboración activa de bolseiros que teñen así a oportunidade de tomar un primeiro contacto co mundo laboral, en tres ou catro empresas diferents, mentres se especializan en diferentes ámbitos da xestión empresarial.

É por iso que o Igape destina un millón de euros a esta terceira convocatoria para a selección de 100 novos titulados que conseguirán formación práctica especializada colaborando como bolseiros na implantación dos proxectos de mellora que se prevén impulsar a partir deste ano, a través do programa Reacciona, impulsando así, ao mesmo tempo, o seu acceso ao mercado laboral.

De feito, máis da metade dos bolseiros do programa Reacciona que completan a súa bolsa atopan emprego xusto ao rematar o seu período de formación colaborando na implantación de proxectos de mellora competitiva en diferentes Pemes ou organismos intermedios.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios