Mércores, 17 Decembro 2014 15:13

Economía e Industria salienta o crecemento de Innolact, baseado na súa aposta pola mellora continua e a internacionalización

 O director do Igape, Javier Aguilera, visita as instalacións da empresa de Castro de Rei, que está a manter un crecemento continuado anual do 30%, debido ao seu compromiso co investimento e coa innovación permanente. A empresa, que se acolleu aos programas e servizos da Xunta para mellorar a súa competitividade e acceder a novos mercados, comercializa na actualidade 30 produtos coa marca Quescrem e está presente en 30 países dos cinco continentes. Aguilera destaca a nova convocatoria do programa Reacciona, ao que se ten acollido Innolact, co obxectivo de mellorar a competitividade de máis de 300 novas empresas en 2015.

Castro de Rei (Lugo), 17 de decembro de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe o crecemento constante da empresa Innolact, baseado no compromiso da empresa asentada en Castro de Rei coa continua mellora da súa competitividade e coa procura de novos mercados para os seus produtos, queixos en crema comercializados baixo a marca Quescrem.

Aguilera Navarro destacou a aposta da empresa pola innovación permanente, mediante o reinvestimento dos recursos xerados e a constante cualificación do seu cadro de persoal, que pasou de 8 persoas en 2008 a 38 na actualidade ­–un 20% pertencente ao departamento de I+D+i–, como claves para explicar que Innolact estea consolidando un crecemento continuado anual do 30%.

Para reforzar a mellora da súa competitividade, Innolact acolleuse entre outras liñas ao programa de servizos avanzados ReAcciona, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape. A empresa lucense tamén se ten apoiado nas liñas de axuda do Igape para avanzar no eido internacional. Así, actualmente os produtos Quescrem están presentes en 30 mercados de todo o mundo.

O impulso da mellora da competitividade das empresas constitúe un dos eixos estratéxicos de actuación do Igape, que promove liñas de apoio aos investimentos tecnolóxicos ou programas de servizos avanzados. Programas como o Reacciona, que se acaba de reactivar co obxectivo de impulsar a mellora da competitividade de máis de 300 novas empresas durante 2015, segundo salientou o director do Igape.

Coa mellora da competitividade, as empresas están mellor preparadas para iniciar ou consolidar a súa internacionalización. Neste eido, a Consellería de Economía e Industria está a impulsar, tamén a través do Igape, a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, que prevé incrementar as exportacións galegas en máis dun 25% ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios