Martes, 02 Decembro 2014 13:41

Economía e Industria achega ás Pemes galegas servizos e apoios adaptados a cada unha das fases de internacionalización

O director do Igape, Javier Aguilera, participa en Vigo na inauguración da xornada “Primeira exportación: un reto asumible para calquera Peme”, onde destaca que o instituto prestará o ano que ven especial atención aos servizos de formación e asesoramento para impulsar as exportacións, en liña coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

Vigo, 2 de decembro de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe no Club Financeiro de Vigo que a Consellería de Economía e Industria está a achegar servizos, ferramentas e apoios adecuados a todas e cada unha das fases de internacionalización das empresas galegas.

Neste sentido, durante a súa intervención na apertura da xornada “Primeira exportación: un reto asumible por calquera Peme”, Aguilera Navarro resaltou que este traballo conxunto ten permitido un incremento das exportacións nos últimos anos, lembrando que o apoio integral inclúe diagnósticos gratuítos sobre o potencial de internacionalización, servizos de apoio en orixe e en destino, axudas financeiras para iniciar ou consolidar as implantacións comerciais no exterior, ou formación especializada para novos titulados e para empresarios.

Precisamente neste eido formativo, explicou o director, o Igape prevés prestar o ano que vén especial atención aos servizos de formación e asesoramento, chegando a centos de empresarios e profesionais de empresas en fase de internacionalización. Unha actuación que, segundo lembrou, se aliña coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega que busca incrementar as exportacións da Comunidade ata os 23.000 millóns no 2020.

Así mesmo, neste encontro promovido pola Fundación Gas Natural Fenosa en colaboración co Igape, Aguilera Navarro destacou tamén que a Xunta ten facilitado nos últimos tres anos, coa posta en marcha do programa ReAcciona, diagnósticos gratuítos para determinar o potencial de internacionalización de máis de 1.200 empresas, ás que se poderán sumar outras 400 durante o ano próximo.

Neste contexto, o director do Igape sinalou que, de cara a apoiar o comezo e a consolidación das exportacións das pemes, a Xunta de Galicia facilita, a través do Instituto, diferentes servizos que comezan por estes diagnósticos gratuítos para determinar o potencial de internacionalización de cada compañía, e seguen polos programas de formación e asesoramento achegados a través do marco de colaboración coa Escola de Organización Industrial. Ademais, a Consellería de Economía e Industria facilita recursos e axudas para a contratación de xestores de internacionalización, entre outros instrumentos.

Durante a xornada, onde tamén participou o director xeral da Fundación Gas Natural Fenosa, Martí Solà, desenvolvéronse relatorios específicos sobre os servizos de apoio dispoñibles para impulsar proxección exterior das empresas e instrumentos para reducir o risco nas operacións de cobro e pago no ámbito do comercio exterior. Tamén se expuxo o caso de éxito dunha peme exportadora, Queixeiros da Chaira, S.L., que agrupa a unha ducia de produtores da Denominación de Orixe San Simón que exportan baixo unha marca única.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios