Luns, 28 Xullo 2014 12:06

A Xunta promove a cooperación do tecido empresarial nos mercados exteriores con apoios de máis de 1,5 millóns de euros

O director do Igape, Javier Aguilera, presenta dous novos programas para facilitar a internacionalización das empresas galegas. A liña para a realización de actuacións promocionais organizadas por organismos intermedios no exterior suma 1 millón de euros e fomenta a colaboración como valor seguro para acelerar a proxección exterior das compañías. O Igape apoia un ano máis as estratexias de promoción para o sector téxtil, que constitúe unha das locomotoras das exportacións galegas.Mediante ambos programas, o Instituto financiará actuacións e campañas de difusión no exterior e a participación en eventos e feiras expositivas no estranxeiro.

Santiago, 28 de xullo de 2014.- A Consellería de Economía e Industria promove a cooperación do tecido produtivo galego nos mercados exteriores a través de dúas novas liñas de impulso á internacionalización que suman máis de 1,5 millóns de euros. Deste xeito, e como explicou hoxe o director do Igape, Javier Aguilera, o Goberno galego aspira a incrementar as exportacións das empresas galegas mediante iniciativas de colaboración promovidas por elas mesmas ou polos organismos intermedios que as agrupan e representan.

Aguilera destacou que os novos programas apostan pola cooperación como valor seguro para acelerar e asegurar a proxección exterior das empresas galegas. Así, a liña para a realización de actuacións promocionais no exterior, que se publica hoxe no DOG, suma 1 millón de euros co obxectivo de financiar as actuacións de promoción internacional organizadas por asociacións empresariais, consellos reguladores, centros tecnolóxicos ou clusters. Neste contexto, cómpre salientar que haberá especial prioridade para os organismos solicitantes que representen a máis de 30 empresas localizadas nas catro provincias galegas.

A esta liña de actuación, explicou o director do Igape, engádese o programa de apoios ás estratexias de promoción para o sector téxtil, que se configura como unha das locomotoras das exportacións galegas tras sumar o ano pasado 3.850 millóns de euros, un 9% máis que no exercicio anterior. Estas bases, sinalou Aguilera, están dotadas con 550.000 euros, concedendo tamén preferencia ás actuacións de cooperación entre varias empresas, que deberán ter experiencia exportadora ou contar cun diagnóstico positivo sobre o seu potencial de internacionalización realizado, de xeito gratuíto, a través do Igape.

O director do Igape salientou que, deste modo, Economía e Industria vén de reforzar os instrumentos para potenciar a proxección exterior do tecido empresarial galego, para procurar que as exportacións sigan medrando este ano, logo do récord histórico de 2013 ­–cando sumaron 18.424 millóns de euros–, e para tratar de que representen o 40% do PIB galego en 2020.

En ambos casos, as axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, financiarán actuacións de difusión e divulgación co obxectivo final de acadar un incremento das exportacións de produtos e servizos galegos fóra de Galicia. Con ese fin, apoiaranse campañas e actuacións de promoción e divulgación, así como participación en eventos e feiras internacionais.

Ó abeiro das novas bases de apoio a estratexias de internacionalización promovidas por organismos intermedios tamén se poderán financiar misións empresariais inversas para atraer importadores e distribuidores, medios de comunicación para dar a coñecer no exterior o potencial dos produtos e servizos das empresas galegas.

O director xeral do Igape destacou que, a través do Igape, que actúa como xanela única da Xunta no ámbito da internacionalización, as empresas galegas poden acceder a servizos e apoios de carácter integral, tanto en orixe como en destino, adaptados ás súas peculiaridades e necesidades concretas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios