Xoves, 24 Xullo 2014 10:26

Conde salienta o gran interese que espertan os países onde está implantada a Rede Pexga, onde as exportacións creceron nos últimos 4 anos un 10% máis que a media galega

O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro cos directores das oficinas en Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Marrocos, Reino Unido, Rusia e China. Resalta que as vendas galegas a outros mercados están a medrar en 2014 por riba do récord histórico de 2013, cando Galicia bateu a súa marca de exportacións, balanza comercial e taxa de cobertura. Apunta como obxectivo para Galicia que as exportacións acaden un peso do 40% sobre o PIB, fronte o 33% actual. Preto de 160 empresas se reuniron con responsables de oficinas Pexga de todo o mundo durante as xornadas “Punto de encontro coas Plataformas da Rede Pexga”.

Santiago, 23 de xullo de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante un encontro cos directores das oficinas da Rede Pexga no exterior, o gran interese comercial que espertan os países onde están implantada a rede: as exportacións a estes países medraron nun 34% durante os últimos catro anos, dez puntos porcentuais por riba do considerable incremento que experimentaron as exportacións galegas.

Conde reuniuse cos directores das oficinas Pexga en Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Marrocos, Reino Unido, Rusia e China, no marco das xornadas Punto de Encontro coas Plataformas da rede Pexga, celebrada no pazo de Congresos de Santiago e na sede do Igape. Durante esas xornadas, preto de 160 empresas mantiveron encontros personalizados cos responsables destas oficinas para analizar oportunidades noutros mercados, un interese que Conde resaltou como mostra do éxito exportador galego.

No éxito das exportacións galegas “está unha parte moi importante do noso futuro económico”, dixo o titular de Economía e Industria, que calificou aos técnicos da Pexga como a “man que axuda ao empresario galego a dar o gran salto”. Conde amosouse convencido de que 2014 consolidará a extraordinaria tendencia das exportacións galegas dado que están a medrar por riba das de 2013, cando Galicia bateu o seu récord histórico de vendas ao exterior, balanza comercial e taxa de cobertura. Neste sentido, o conselleiro manifestou que o propósito da Xunta é conseguir que o peso das exportacións sobre o conxunto do PIB galego pase do actual 33% ao 40% en 2020.

Para acadar ese obxectivo, Conde resaltou a importancia da cooperación interinstitucional e a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e clusters. Como mostra desa colaboración, Conde destacou programas postos en marcha polo Goberno galego como o Primex, no que están a cooperar 400 compañías¬¬ para poñer en marcha a súa primeira exportación. A interese que as empresas galegas amosan polos países nos que Pexga está presente amósase tamén a través do Primex. Dos 18 proxectos de internacionalización aprobados na última convocatoria, 12 teñen como destino países da Rede Pexga, mentres que outros dous teñen como obxectivo Perú, onde Pexga se instalará proximamente.

Nesta liña, salientou tamén a cooperación entre o Igape e a CEG para manter o servizo de licitacións internacionais, que facilitou ás empresas galegas contratos por máis de 200 millóns de euros nos últimos cinco anos, e para dinamizar a rede Pexga en oito mercados de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Conde destacou que a rede é “unha valiosa ferramenta para que o noso tecido empresarial saia ó exterior cun grande aliado”.

Ao mesmo tempo, explicou, a Xunta traballará en eidos clave como o da economía reputacional da comunidade, impulsando o lanzamento de Galicia Calidade como marca paraugas para toda a economía galega.Neste mesmo sentido, o conselleiro salientou tamén os esforzos que se están a facer en eidos como o da innovación, no marco da estratexia RIS 3, ou o da formación e contratación de especialistas en comercio exterior. Esforzos orientados a un obxectivo especialmente ambicioso, o de “facer de Galicia un líder europeo en exportación”, un reto para os que se está a traballar nunha cadea da que, sinalou, as oficinas Pexga constitúen un eslabón esencial.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios