Venres, 13 Xuño 2014 14:22

O Igape achega ao tecido empresarial os préstamos Jeremie como nova ferramenta para impulsar o investimento

O director xeral do instituto, Javier Aguilera, destacou que esta pioneira liña, que ven de ser activada, conta cunha dotación inicial de 8 millóns de fondos Feder. Financiarase ata o 70% dos proxectos de novos investimentos, ampliación de instalacións ou diversificación da produción con préstamos de ata 1 millón. A liña encádrase no programa de financiamento empresarial Galicia 1000, co que a Xunta apoiará 1.000 novos proxectos empresariais mobilizando 200 millóns.

Santiago, 13 de xuño de 2014.-O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na presentación, en Santiago, do programa financeiro Galicia 1000, impulsado pola Consellería de Economía e Industria co obxectivo de apoiar novos investimentos empresariais e operacións de circulante para consolidar a recuperación económica e a creación de emprego. Aguilera salientou, enmarcado nesta iniciativa, o programa de préstamos directos Jeremie, como nova forma de apoio aos investimentos empresariais partir dos fondos europeos.

Os Jeremie son unha liña de apoios pioneira en Galicia que conta cunha dotación inicial de 8 millóns de euros procedentes de fondos Feder, coa que o Goberno galego mobilizará un mínimo de 15 millóns de euros no tecido empresarial galego. Mediante esta iniciativa, concederanse préstamos comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros, cos que se poden financiar ata o 70% dos investimentos.

En total, o Galicia 1000 destinará 50 millóns de euros a dar resposta ás distintas necesidades que poida ter a empresa en función da súa situación. Neste sentido, o Goberno galego prevé financiar arredor de 1.000 proxectos empresariais a través dun paquete integral que mobilizará 200 millóns de euros.

Con esta iniciativa, Economía e Industria respaldará a través do Igape e XesGalicia ás empresas nas súas necesidades de financiamento a través de catro liñas de actuación, nas que se inclúen os propios préstamos Jeremie.

Mediante os fondos de capital risco e préstamos participativos, apoiaranse tanto proxectos empresariais dos emprendedores como o impulso a proxectos de sectores estratéxicos ou empresas que, sendo economicamente viables, atravesan algunha dificultade financeira temporal.

Por outra banda, o Galicia 1000 incorpora liñas de financiamento bonificado polo Igape, para os emprendedores e as pemes que se financien mediante préstamos e microcréditos outorgados polas entidades financeiras con fondos do ICO. O obxectivo é favorecer o emprendemento en condicións máis vantaxosas e achegar liquidez para o desenvolvemento da actividade empresarial.

Finalmente, as liñas de garantías constitúen a cuarta ferramenta de financiamento que desde a consellería de Economía e Industria se está a poñer á disposición do tecido empresarial galego para facilitar operacións de acceso ao circulante, tanto para reforzar proxectos xa existentes como para impulsar a creación de novas empresas.

A través deste paquete integral de financiamento, a Xunta colabora co empresariado galego nas diferentes situacións financeiras que poida atravesar, co obxectivo de que ningún proxecto viable quede sen levarse a cabo por falta de apoio.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios