Venres, 06 Xuño 2014 15:12

A Xunta impulsa a cooperación entre Aceites Abril e Viña Costeira para avanzar na súa expansión cara a China e Estados Unidos

 O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro en San Cibrao cos xerentes destas empresas ourensás que están a colaborar en dous proxectos de internacionalización do plan Primex da Consellería de Economía e Industria. Este programa está a amparar a cooperación de máis de 350 compañías galegas para implantarse comercialmente nun total de 25 mercados exteriores.

 

Ourense, 6 de xuño de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo hoxe un encontro en San Cibrao das Viñas cos xerentes de Aceites Abril, José Manuel Pérez Canal, e Viña Costeira, Argimiro Levoso, empresas que están a cooperar para avanzar na súa internacionalización cara Estados Unidos e China mediante dous proxectos do programa Primex da Consellería de Economía e Industria.

Trala reunión, que tivo lugar nas instalacións de Aceites Abril, o director do Igape salientou que a cooperación constitúe o mellor instrumento para que as pemes galegas poidan avanzar ou consolidar os seus procesos de internacionalización. Neste sentido, o director do Igape incidiu en que o programa Primex é un dos mellores instrumentos para apoiar a expansión comercial das empresas galegas, e lembrou que esta iniciativa está a amparar a cooperación de máis de 350 empresas que apostan por agruparse ao redor de 80 proxectos para implantarse comercialmente, con maiores posibilidades de éxito, nun total de 25 mercados exteriores. Entre estes proxectos están os dous nos que cooperan Aceites Abril e Viña Costeira xunto con outras compañías galegas.

Aguilera destacou que o apoio integral da Xunta de Galicia ás empresas galegas en todas as fases da chegada a novos mercados ­–tanto en orixe como en destino–, xunto ao esforzo das compañías, é unha das claves do crecemento sostido rexistrado polas exportacións galegas durante os últimos anos. Nesta mesma liña, lembrou que as empresas da provincia poden acceder a apoios de especial intensidade no marco do Impulsa Ourense.

No primeiro trimestre de 2014 as exportacións galegas medraron nun 7%, despois dun 2013 marcado por un récord histórico, cunhas exportacións de 18.419 millóns de euros e un incremento próximo ao 12% sobre o ano anterior.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios