Xoves, 05 Xuño 2014 15:12

Economía e Industria destaca os servizos e o apoio integral aos emprendedores que se reforzan ao abeiro da nova Lei

Javier Aguilera salienta que se facilita a confluencia dos recursos públicos e privados para garantir a posta en marcha e a consolidación de novos proxectos empresariais. O director do Igape entregou o premio Emprendedor XXI, financiado por La Caixa en colaboración con Enisa, e que este ano correspondeu á empresa coruñesa Torus, que desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións para Internet. En Galicia participaron no certame unha vintena de proxectos que destacan polo seu potencial de crecemento, quedando como finalistas Bialactis e Monet.

 

A Coruña, 5 de xuño de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera,  participou hoxe no acto de entrega do premio Emprendedor XXI, nun acto onde destacou que, ao abeiro da nova Lei de Emprendemento e da Competitividade de Galicia, os emprendedores galegos contan con servizos, asesoramento e apoio integral para a posta en marcha, a consolidación e o crecemento dos seus proxectos, facilitándose a confluencia de todos os recursos dispoñibles, tanto públicos como privados.

Javier Aguilera entregou o premio Emprendedor XXI, que este ano correspondeu á empresa coruñesa Torus, que desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións substitutivo do protocolo de internet (IP). Os proxectos finalistas foron Bialactis e Monet. O director do Igape subliñou que a Xunta considera prioritario coidar e mellorar o ecosistema do emprendemento en Galicia, xa que, segundo afirmou Javier Aguilera, a consolidación da recuperación económica debe asentarse en novas ideas.

Nesa liña,  dixo, a economía galega precisa das achegas dos emprendedores, especialmente dos máis preparados para incorporar ideas e negocios asentados nas novas tecnoloxías. Segundo engadiu, a Xunta de Galicia garante a óptima coordinación de todos os recursos para facilitar, en cada fase do emprendemento, os servizos, as ferramentas e os instrumentos de apoio máis axeitados en función de cada proxecto.

No marco da Lei do Emprendemento e da Competitividade, a Xunta de Galicia está a impulsar o reforzamento dos instrumentos para apoiar o desenvolvemento das novas empresas. Nesta liña, activouse a Unidade Galicia Emprende, preparada para achegar aos emprendedores todos os servizos e instrumentos de apoio sobre o territorio; tamén se está a reforzar a Rede Galega de Mentores, coordinada polo Igape, e contémplase a creación e dinamización de redes de business angels e de viveiros, como instrumentos que facilitarán a creación, o financiamento e o desenvolvemento de novas empresas en Galicia.

Ademais de axilizar os procesos de constitución mediante medidas como a de eliminar con carácter xeral as licencias municipais de obra e actividade, que son substituídas por unha comunicación previa ao Concello, a Lei de Emprendemento coordina ferramentas de financiamento. Non só fomenta o capital risco público ¬–a través de Xesgalicia– e privado –os business angels–, senón que apuntala as facilidades para obter microcréditos ou préstamos, a través dos programas activados polo Igape para facilitar a posta en marcha ou o desenvolvemento de novas empresas.

Localizar ás novas empresas innovadoras e apoialas nos seus procesos de crecemento é tamén o obxectivo dos premios Emprendedor XXI. Ademais dun premio en metálico de 5.000 euros, a empresa gañadora deste ano en Galicia –Torus, que agora competirá na fase nacional– accede ao programa de acompañamento e networking de La Caixa para o lanzamento dos proxectos gañadores en todas as comunidades españolas, e que inclúe estancias formativas na Universidade de Cambridge e en centros internacionais de innovación.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios