Ferrol, 26 de maio de 2014.- O director xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, Manuel Valle, e o director xeral do Igape, Javier Aguilera, presentaron hoxe en Ferrol as liñas de apoio deseñadas polo Goberno central e pola Xunta para facilitar o financiamento dos investimentos empresariais e a creación de emprego nas comarcas de Ferrol Eume e Ortegal.
O Plan Reindus do Ministerio de Industria mantén un ano máis unha dotación de 45,7 millóns de euros en préstamos para financiar investimentos empresariais nas comarcas. Nesta convocatoria, e co obxectivo de impulsar proxectos empresariais dinamizadores da economía e xeradores de emprego, simplifícanse os procedementos de acceso a financiamento, amplíase a porcentaxe de investimento apoiable –desde o 60 ata o 75%– e os prazos para a execución dos proxectos apoiados, que poderán estar iniciados antes da presentación da solicitude, desde o pasado 1 de xaneiro, e rematar ata 18 meses despois da concesión.
Segundo destacou Manuel Valle, terán consideración de proxectos prioritarios os investimentos que incorporen tecnoloxía innovadora, a incidencia do investimento no incremento das exportacións da empresa e a creación de emprego. Os préstamos Reindus terán un prazo de amortización de 10 anos, con 3 de carencia incluídos. Os xuros oscilarán entre o 3 e 4,5%, en función da avaliación económico-financeira da empresa beneficiaria.
Tal e como salientou Javier Aguilera, a Consellería de Economía e Industria estreita, a través do Igape, as vías de colaboración co Goberno do Estado e está a impulsar ademais novas liñas no marco do programa de financiamento “Galicia 1000”, que segundo dixo, farán que as comarcas de Ferrolterra sigan a ter un marco de apoio privilexiado para favorecer a actividade empresarial e a creación de postos de traballo.
Así, o director xeral do Igape adiantou que este programa, co que a Xunta financiará 1.000 novos proxectos empresariais a través dun paquete integral que mobilizará 200 millóns de euros no tecido empresarial da comunidade, inclúe préstamos directos e préstamos con xuros bonificados –en ata 4 puntos, en Ferrolterra– para investimentos de microempresas, autónomos e pemes, préstamos avalados para circulante, participacións mediante capital risco e préstamos participativos.