Santiago, 21 de maio de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, clausurou hoxe en Santiago un encontro empresarial co que a Consellería de Economía e Industria aposta por incrementar as relacións comerciais con Uruguai, país ao que exportan xa máis de 300 empresas galegas, sumando as exportacións galegas a este mercado 30 millóns de euros o ano pasado, un 53% máis que en 2012.
O encontro, que tiña por obxectivo aumentar as alianzas, os investimentos cruzados e as relacións comerciais entre empresas de Galicia e Uruguai, contou coa participación da cónsul xeral de Uruguai en Galicia, Marta Echarte, xunto con representantes de Uruguay XXI, a axencia de desenvolvemento dese país, e representantes de 25 empresas con especial interese nese mercado en crecemento.
Javier Aguilera salientou a posición estratéxica de Uruguai como porta de entrada ao Mercosur, o potencial de crecemento do país e a seguridade xurídica que ofrece ás relacións empresariais. Tras destacar os intereses das empresas galegas neste mercado, en ámbitos como a construción naval e civil, o director do Igape amosouse convencido das importantes oportunidades de investimento, alianza tecnolóxica e colaboración que ofrecen sectores como o loxístico, o alimentario, o da enxeñaría ou o das tecnoloxías da información.
As empresas galegas participantes neste encontro, que tiveron oportunidade de manter encontros bilaterais cos representantes uruguaios, pertencen a sectores tan variados como os de consultoría e enxeñaría, construción civil ou naval, TIC e Audiovisual, agroalimentario e madeira.
O encontro celebrado hoxe enmárcase no acordo de colaboración suscrito por Igape e Uruguay XXI destinado a apoiar tanto as relacións comerciais como a expansión de investimentos das empresas de Galicia e de Uruguai, apoiando accións conxuntas que poñan en contacto empresas, profesionais e Institucións de ambos os territorios para aproveitar as oportunidades que poidan ofrecer. O director do Igape mostrouse seguro de que a colaboración con Uruguay XXI e coa Asociación de Empresarios Gallegos del Uruguay (AEGU), coa que a Xunta tamén colabora, poden ser fundamentais para ampliar as relacións empresariais, os investimentos e os negocios entre Galicia e Uruguai.