Berlín, 16 de maio de 2014.-O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe en Berlín nun encontro promovido polo Secretariado Europeo para o Análise dos Clusters (ESCA), onde confluíron representantes dos organismos e entidades de desenvolvemento empresarial que máis teñen avanzado en Europa na promoción dos clusters como pancas para a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido produtivo.
O encontro permitiu avaliar as políticas europeas para o desenvolvemento dos clusters e as liñas que se desenvolverán durante os próximos anos baixo o impulso da Comisión. Xunto con Cataluña, Galicia foi a única comunidade autónoma española presente neste foro onde participaron representantes da Comisión Europea e de países que destacan polo seu impulso aos clusters como Austria, Dinamarca, Alemaña, Hungría, Lituania, Noruega, Polonia e Suecia.
Aguilera Navarro salientou os avances acadados polos clusters galegos, co apoio da Xunta, na procura da mellora competitiva e da globalización dos sectores que representan. Tras destacar que xa son nove os clusters de Galicia con etiqueta europea de excelencia e amosarse convencido de que en breve poden sumarse novas distincións, o director do Igape mostrou o firme compromiso da Xunta de Galicia de apostar porque os clusters galegos sigan avanzando en primeira liña europea, en coordinación e colaboración cos máis destacados clusters do continente.
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, está apoiar a consolidación de clusters excelentes e con capacidade para traballar tamén en rede, colaborando entre eles e reforzando as posibilidades das empresas galegas para acceder a programas europeos e internacionalizarse con éxito. A través de proxectos como AT Clusters, o Igape ten facilitado importantes avances dos clusters galegos cara a excelencia. O obxectivo inmediato e conseguir que a colaboración entre clusters reforce a cooperación entre empresas para avanzar na súa mellora competitiva e para xerar novos negocios.
O encontro de Berlín está organizado polo Secretariado Europeo para o Análise dos Clusters (ESCA). A Xunta de Galicia, a través do Igape, forma parte do comité de expertos para o asesoramento e validación das certificación de excelencia dos clusters polo ESCA, a nivel europeo. O ESCA recibe tamén asesoramento do grupo de clusters excelentes –do que forma parte CEAGA, que conta coa distinción Gold Label– e ao que en breve se prevé a incorporación dalgún outro clúster galego.
A organización das empresas arredor de clusters dinámicos, innovadores e competitivos é un valor recoñecido a nivel global, no marco das estratexias europeas; constitúe un potencial que a Unión Europa prevé favorecer na súa estratexia de actuación económica para o período 2014/2020, para acelerar a innovación e a competitividade empresarial por esta vía. A Xunta de Galicia, nesta liña, aposta por seguir na primeira liña de traballo na procura de clusters cada vez máis eficientes e mellor preparados para facilitar o acceso das empresas a novas vías de financiamento e novos mercados.