Martes, 13 Mai 2014 17:38

Economía e Industria achega asesoramento especializado a emprendedores tecnolóxicos cunha nova edición do programa C-Teams

O director do Igape, Javier Aguilera, salienta a necesidade de que os novos emprendedores saiban reinventarse e mellorar de forma continuada para consolidar os seus proxectos. As empresas participantes no programa C-Teams, con menos de catro anos de vida, poderán deseñar unha nova carteira de produtos ou servizos adaptados ás demandas do mercado.

Santiago, 13 de maio de 2014.- A Consellería de Economía e Industria impulsa a mellora continuada, o desenvolvemento e a consolidación das novas empresas de base tecnolóxica para desenvolver produtos ou servizos novos mediante unha nova edición do programa C-Teams, da cal se informou hoxe en Santiago nun encontro que contou coa participación do director xeral do Igape, Javier Aguilera.

Na xornada, Aguilera Navarro salientou a importancia de que os novos emprendedores, e especialmente os impulsores de proxectos de base tecnolóxica ou de empresas centradas no coñecemento, saiban reinventarse de xeito continuado para contar con mellores oportunidades de desenvolvemento e consolidación no mercado.

Neste sentido, salientou que o programa C-Teams, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, permitirá ás empresas participantes, con menos de catro anos de vida, redefinir ou deseñar unha nova carteira de produtos ou servizos adaptados ás demandas reais do mercado, aplicando técnicas e ferramentas de éxito testadas en máis dun cento de pemes galegas.

Arredor de corenta emprendedores tecnolóxicos asistiron á xornada informativa sobre o programa, que ten como obxectivo final impulsar o desenvolvemento e consolidación, durante este ano, dunha ducia de novas empresas tecnolóxicas que contarán con formación e asesoramento especializado e gratuíto durante varios meses para desenvolver novos produtos ou servizos.

O programa C-Teams céntrase en fomentar a cultura da mellora continuada, conxugando conceptos como estratexia, innovación, mercado, produtos e servizos, valor e riscos, contando con formación práctica en novas metodoloxías para que os empresarios participantes poidan incorporar novas habilidades de xestión contando con asesoría experta.

No encontro interviñeron tamén emprendedores tecnolóxicos que participaron na anterior edición para compartir as experiencias de éxito de empresas como Unio Ingenieros e Seasvet.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios