Xoves, 08 Mai 2014 13:59

A Xunta destaca a cooperación dos clusters a nivel internacional como vía para atopar novas oportunidades para as empresas galegas

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, clausura o encontro internacional do proxecto europeo ATClusters, que contou coa participación de entidades de Asturias, Portugal, Francia e Irlanda. No encontro houbo mesas centradas nos sectores naval, téxtil, alimentación e industrias culturais nas que participaron expertos de diferentes países.

 

Santiago, 7 de maio de 2014.-O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe no encontro internacional celebrado en Santiago ao abeiro do proxecto europeo AT Clusters que a cooperación dos clústers galegos con outros do espazo atlántico europeo, que propicia esta iniciativa, é unha importante vía para atopar novas oportunidades para as empresas galegas, impulsando a súa internacionalización e mellora competitiva.

Na súa intervención na xornada, na que participaron clústers e axencias de desenvolvemento rexional de Asturias, Portugal, Francia e Irlanda, Aguilera destacou a aposta da Consellería de Economía e Industria por apoiar a consolidación de clústers excelentes e con capacidade para traballar tamén en rede.

O director do Igape lembrou que desde o seu comezo en 2009 o proxecto AT Clusters que agora remata ten facilitado importantes avances na profesionalización dos clústers galegos, contando xa nove deles con etiqueta europea de excelencia, e está a permitir afondar na apertura de novos camiños de cooperación.

Destacou neste sentido que un dos obxectivos é intensificar o labor de colaboración entre clústers, a nivel internacional e no marco dunha rede cada vez máis ampla e con maior capacidade para facilitar o acceso das empresas galegas a proxectos europeos.

No encontro houbo mesas centradas nos sectores naval, téxtil, alimentación e industrias culturais nas que participaron expertos e representantes de diversos clústers internacionais.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios