Vigo, 26 de abril de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou a constante aposta das empresas do sector da automoción de Galicia pola mellora da competitividade como a clave dos seus avances en internacionalización. Durante a súa intervención na inauguración do XXIII Salón do Automóbil de Vigo, destacou que o compromiso coa mellora continuada de procesos e produtos explica que as exportacións do sector medraran un 42% durante o último ano.
O director do Igape resaltou que a Xunta considera estratéxico un sector que exportou en 2013 o 71% da súa produción, sumando o 30% das exportacións galegas. Destacou igualmente que a automoción conseguiu incrementar nun 3% o seu emprego directo, ata 19.000 postos de traballo, e salientou a cooperación, a través de Ceaga, como aspecto fundamental para que o sector poida seguir avanzando.
Amosouse ademais convencido de que, grazas ao compromiso activo das empresas coa cooperación e a constante innovación, o sector de automoción de Galicia saberá manterse como unha das principais locomotoras do tecido produtivo galego, con capacidade para consolidar o crecemento da economía na Comunidade Autónoma. De feito, xa en 2013 tivo unha facturación de 7.800 millóns de euros, case un 28% máis que no ano anterior.
Nesa mesma liña, Javier Aguilera destacou o Salón do Automóbil como un instrumento clave, xunto co Programa de Incentivos ao Vehículo Eficiente (PIVE 5), para a promoción e venda do produto. Segundo manifestou, a promoción está no último tramo da cadea, pero é tan importante como o centrado na fabricación.
O XXIII Salón do Automóbil, que se desenvolve nas instalacións do IFEVI ata o próximo 4 de maio, dispón de 25.000 metros cadrados para a exhibición de vehículos de nova factura presentados por 37 marcas de automóbiles e motocicletas, xunto con produtos e servizos da industria auxiliar, ademais de ofrecer aos visitantes outras posibilidades de negocio e de lecer.
As instalacións acollerán un espazo expositivo do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) desde o que se informará sobre os servizos e programas de apoio da Consellería de Economía e Industria á actividade empresarial.