Santiago, 21 de marzo de 2013.- O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na presentación do proxecto ENTIC de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal. O programa, liderado polo Igape e que conta tamén co Inega como socio de referencia, ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento e a incorporación ás pemes de medidas de eficiencia enerxética e solucións e ferramentas TIC que permitan reducir as emisións contaminantes á atmosfera.Neste sentido, o director do Igape amosouse convencido de que este programa de cooperación facilitará melloras competitivas ao tecido empresarial da eurorrexión, apoiando a súa transición cara a modelos enerxéticos sostibles e intelixentes baseados nas solucións TIC.
Así mesmo, e segundo explicou, o proxecto deberá servir tamén para estimular novas oportunidades de negocio e emprego tanto en Galicia como no Norte de Portugal.O director do Igape subliñou a importancia do aforro e a eficiencia no sector industrial, que representa o 45% do consumo final de enerxía en Galicia. Por este motivo, explicou, a eficiencia enerxética é un dos recursos de aforro económico máis rentables para incidir na súa competitividade ao permitir ás empresas obter os mesmos bens con menos consumo, mantendo a mesma ou maior calidade nos servizos prestados, e a un prezo inferior.
Nesta liña, Aguilera sinalou que o desenvolvemento do progrmaa terá unha dimensión práctica directa, dado que inclúe a prestación de servizos de aforro e eficiencia enerxética ás pemes, que poderán, deste xeito, mellorar a súa competitividade.Para acadar este obxectivo, no proxecto participan, ademais do Igape e o Inega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Agência de Energia do Ave (AEdoAVE), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), a União das Associações Empresariais da Região Norte (UERN) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).
Esta nova iniciativa de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal conta cun orzamento total de 689.683,34 euros, do que a Consellería de Economía e Industria achega case 280.000 a través do Igape e do Inega. O proxecto está financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).