Luns, 17 Febreiro 2014 13:56

O Igape comeza a formación práctica dos novos bolseiros que colaborarán na internacionalización das empresas galegas

O director do Igape, Javier Aguilera, anima aos 18 seleccionados no programa de bolsas de promoción exterior a sacar o máximo proveito da experiencia, que facilitará a súa futura inserción laboral como especialistas en internacionalización. Colaborarán na proxección exterior das pemes galegas desde mercados como Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Reino Unido, Marrocos, Rusia ou China.

 

Santiago, 17 de febreiro de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, convidou esta mañá aos 18 mozos galegos que veñen de ser seleccionados a través do programa de bolsas de promoción exterior para colaborar nos procesos de internacionalización das empresas galegas a sacar o máximo proveito da experiencia, que facilitará a súa futura inserción laboral como expertos en comercio exterior.

Os bolseiros seleccionados, que comezaron hoxe o seu período de formación práctica e que xa dispoñen de formación teórica en comercio exterior, gozarán dunha bolsa de 12 meses prorrogable por outros doce, na que prestarán servizos en destino desde os principais mercados de interese para o tecido empresarial, como Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Reino Unido, Marrocos, Rusia ou China, entre outros, ao tempo que seguen especializándose neste ámbito de xestión.

A través do Igape, a Xunta de Galicia está a dar resposta integral ás necesidades dos empresarios galegos en cada unha das etapas a seguir no ámbito da internacionalización; desde o coñecemento dos mercados e a valoración de oportunidades, ata a toma de decisións de implantación en mercados exteriores, con servizos tanto en orixe como en destino e coas axudas e apoios financeiros para cada fase da internacionalización.

No eido da incorporación de especialistas ao tecido empresarial, o director do Igape lembrou que, ademais deste programa de bolsas de promoción exterior, dotado con 1,1 millóns de euros, a Consellería de Economía e Industria pon en marcha entre outras medidas axudas para a contratación no de xestores de internacionalización, ademais de contar cunha bolsa de especialistas con 600 inscritos.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios