Vigo, 3 de decembro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe durante a súa intervención nunha mesa redonda no marco da xornada arredor do réxime tributario de incentivos ao sector naval organizada pola Universidade de Vigo que, grazas ao traballo desenvolvido pola Xunta, o Goberno central e o sector desde a unidade de acción o novo sistema de tax lease xa está plenamente operativo e a disposición dos estaleiros galegos para que o naval galego asine novos contratos.
Segundo o director xeral do Igape, o sector naval galego atópase diante dunha importante oportunidade para recuperar a actividade e o emprego e contribuír, desde xeito, a consolidar unha nova etapa de crecemento económico en Galicia.
Destacou o representante da Consellería de Economía e Industria que é o momento de que todos os operadores se poñan en marcha para tratar de recuperar o tempo perdido por outros gobernos e procurar que o naval galego volva ocupar o lugar que lle corresponde pola súa capacidade de traballo e a súa alta tecnoloxía.
Durante o encontro considerouse fundamental recuperar a confianza de todos os actores e destacouse que o novo sistema de tax lease incorpora novidades de especial interese como a eliminación do réxime de autorización previa, que garante a aplicación automática con só notificar a operación.
Ao novo sistema poden acollerse tamén outros activos, ademais da construción de buques, sempre que o proceso requira polo menos doce meses de traballo e non sexan producidos en serie.