Xoves, 14 Novembro 2013 12:49

A Xunta impulsa o traballo conxunto dos clusters galegos para acelerar a competitividade e a internacionalización das Pemes

O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro de traballo con xerentes dalgúns dos clústers galegos mellor posicionados cara a excelencia da xestión. A reunión serviu para preparar a conferencia internacional de clústers que se desenvolverá en Santiago a semana que vén.

 

Santiago, 13 de novembro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, que mantivo esta mañá en Santiago un encontro con xerentes de clústers galegos dentro da estratexia de coordinación que está a desenvolver a Xunta, salientou que a colaboración e o traballo en común das empresas dentro destas entidades, xunto coa cooperación entre clusters para desenvolver proxectos de interese mutuo, constitúen as mellores vías para que estas agrupacións de empresas melloren e avancen cara a súa excelencia.

Aguilera destacou que a Consellería de Economía e Industria aposta por reforzar a colaboración con e entre os clusters galegos para convertelos nas mellores pancas para acelerar os procesos de mellora da competitividade e avanzar con maior seguridade na internacionalización das pemes galegas.

No encontro de traballo celebrado hoxe en Santiago participaron representantes dos clusters de automoción (Ceaga), Naval (Aclunaga), Audiovisual (Clag), Alimentario (Clusaga), da madeira (CMA), do granito, TIC, de acuicultura e do téxtil (EuroClusTex), que coincidiron ao avaliar positivamente o proceso de dinamización e colaboración impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape.

A reunión serviu tamén para preparar o encontro internacional de clústers que se desenvolverá en Santiago a próxima semana–os días 21 e 22–, co obxectivo de impulsar avances cara a excelencia da xestión, de acordo coas directrices europeas. O encontro contará con representantes de diferentes institucións de ámbito nacional e europeo, e doutras rexións coas que Economía e Industria está a colaborar, a través do Igape, en proxectos internacionais relacionados co reforzamento dos clusters.

A organización das empresas arredor de clusters dinámicos, innovadores e competitivos é un valor en alza a nivel global, no marco das estratexias europeas; constitúe un potencial que a Unión Europea prevé favorecer na súa estratexia de actuación económica para o período 2014/2020, para acelerar a innovación e a competitividade empresarial por esta vía.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios