O Barco, 5 de novembro de 2013.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, visitou hoxe a comarca de Valdeorras, onde visitou as instalacións de tres empresas de diferentes sectores con presencia na zona: Autoneum Spain, na Rúa, da industria auxiliar da automoción; Pizarras Galegas, en San Vicente-Vilamartín; e Bodegas Godeval, no Barco, localidade na que mantivo ademais un encontro con empresarios e membros da directiva da Asociación de Empresarios de Valdeorras (Aeva) para coñecer as súas inquedanzas e para transmitirlles información directa sobre o excepcional marco de servizos e apoios á actividade empresarial co que conta a zona para impulsar novos proxectos ou para ampliar, modernizar ou internacionalizar as súas empresas.
Aguilera Navarro lembrou que o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, vén de anunciar a posta en marcha dun programa para a atracción e dinamización de investimentos que permitirá mobilizar, en 2014, arredor de 150 millóns de euros. Nesta liña, o director do Igape salientou que os emprendedores e os empresarios de Valdeorras, ao abeiro do Impulsa Ourense, disporán de apoios prioritarios no ámbito dese novo programa.
Javier Aguilera destacou igualmente que, no próximo ano, está previsto manter o esforzo para apoiar ás empresas galegas nos seus procesos de mellora da competitividade, mediante apoios aos investimentos tecnolóxicos ou a través de servizos avanzados como os do programa Reacciona, así como na iniciación ou consolidación das súas iniciativas de internacionalización; neste sentido, o director xeral do Igape destacou que as empresas de Valdeorras, e as de Ourense no seu conxunto, seguirán a ter preferencia de acceso e maior intensidade de axudas.