O Porriño (Pontevedra), 30 de outubro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe a clara aposta da empresa Prosistemas por mellorar a súa competitividade incorporando innovación continúa e servizos avanzados como os ofrecidos pola Consellería de Economía e Industria a través do programa ReAcciona.
Durante a súa visita ás instalacións que a empresa ten no Porriño, Aguilera Navarro salientou o potencial desta compañía –cun cadro de persoal integrado por 54 persoas– especializada na reparación ou construción de pavimentos innovadores para grandes superficies comerciais ou industriais.
Prosistemas conseguiu durante os últimos anos importantes contratos para a construción e montaxe dos pavimentos en instalacións loxísticas de cadeas como Inditex e Mercadona, de xeito que a empresa ten incrementado os seus beneficios nos últimos anos. Con todo, a compañía decidiu impulsar unha redefinición do seu modelo de negocio para seguir mellorando en competitividade, identificando, ao mesmo tempo, posibles aliados ou socios para proxectos futuros. Para este proceso, e coa idea de manter o liderado nacional e seguir medrando cara o exterior, conta co apoio do Igape a través do Programa Reacciona.
A compañía ofrece tecnoloxía de vangarda, apoiada nunha oficina técnica integrada por profesionais altamente cualificados e especializados en tratamentos e aplicacións especiais do formigón. A empresa traballa con e para construtoras, enxeñerías, gabinetes de arquitectura ou grandes superficies industriais e comerciais. Entre os seus clientes figuran grandes cadeas comerciais como Ikea, Inditex, Bricoking ou El Corte Inglés.
Entre os servizos ReAcciona avanzados máis demandados polas empresas galegas están os de relanzamento comercial, os de profesionalización da produción ou os destinados a introducir cambios nos procesos de xestión ou a redefinir unha parte do negocio. ReAcciona ofrece tamén servizos para o desenvolvemento de proxectos de acción, o deseño dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial, a mellora da imaxe e comunicación empresarial, a optimización financeira ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar.