Martes, 29 Outubro 2013 12:15

Economía e Industria destaca a competitividade da empresa Netex como clave na súa crecente internacionalización

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións en Oleiros da compañía tecnolóxica, que progresa no ámbito internacional grazas aos seus constantes avances en innovación e calidade. Netex ofrece solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito da formación empresarial e docente; está implantada en India, Reino Unido e México e conta con distribuidores noutros mercados como Perú, Australia, Nova Zelanda, Sudáfrica ou Kuwait. A compañía ten contado con axudas do Igape para mellorar a súa competitividade e para a contratación de xestores de internacionalización.

 

Oleiros (A Coruña), 29 de outubro de 2013.- O director do Igape, Javier Aguilera, que visitou esta mañá as instalacións da compañía tecnolóxica Netex en Oleiros, salientou que a constante mellora da competitividade constitúe unha garantía para que as empresas poidan internacionalizarse con garantías de éxito, medrando e creando emprego.

O director do Igape destacou a importante aposta que está a realizar a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para favorecer os procesos de expansión exterior das empresas galegas, engadindo que para que esta expansión poida consolidarse as empresas teñen que apostar pola innovación continua para asegurar a mellora da súa competitividade.

Neste sentido, Javier Aguilera recoñeceu o constante esforzo para avanzar en ambos ámbitos de xestión de Netex, que ten contado con axudas do Igape para mellorar a súa competitividade e para a contratación de xestores de internacionalización. Cun cadro de persoal de máis de cen traballadores, a empresa coruñesa ofrece solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito da formación empresarial e docente e está implantada en India, Reino Unido e México, contando con distribuidores noutros mercados como Holanda, Perú, Australia, Nova Zelanda, Sudáfrica ou Kuwait.

Netex ofrece unha solución integral ás necesidades das empresas no ámbito da formación corporativa. Esta solución completa inclúe todo o software necesario para xestionar a formación e contidos formativos, ben do catálogo desenvolvido por Netex en colaboración con prestixiosas universidades e expertos, ou ben feitos á medida para grandes compañías multinacionais ou pequenas empresas. Nos últimos anos, a compañía posicionouse ademais no mundo editorial e no sector educativo, conseguindo un importante acordo coa principal editorial en lingua castellana, Santillana, para a dixitalización dos seus libros de texto.

Por outra banda, a tecnolóxica con sede en Oleiros está integrada no Foro de Marcas Renombradas Españolas como marca de alto potencial internacional. Netex crea e distribúe software que permite ás empresas e as editoriais crear, vender e distribuír os seus contidos para a web ou dispositivos móbiles. A empresa creou un software de xestión especializado para empresas e escolas, de xeito que, na actualidade, arredor de medio millón de nenos e máis de cen mil traballadores se forman utilizando os seus sistemas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios