Mércores, 18 Setembro 2013 15:22

O Igape aposta pola cooperación entre empresas de equipamentos hoteleiros para abrir novos mercados

Javier Aguilera recoñece que as alianzas no ámbito da canle “Contract” son imprescindibles para poder concorrer con posibilidades ás ofertas das multinacionais, que requiren equipamentos integrais altamente competitivos. A través de programas como o Primex a Xunta está a facilitar a cooperación de máis de 250 empresas en máis de 20 mercados internacionais. A cooperación, segundo subliña o director do Instituto, constitúe un recurso fundamental para que as empresas avancen na súa internacionalización con rapidez e seguridade.

Santiago, 18 de setembro de 2013.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá, no acto inaugural da xornada “O Contract: unha visión desde a hotelería internacional” que impulsa a Xunta en colaboración coa CEG no ámbito da rede Pexga, a cooperación como ferramenta clave para abrir portas á internacionalización das empresas galegas. Aguilera destacou este aspecto como imprescindible para ámbitos de negocio como o “Contract”, especializado en equipamentos de hoteis e edificios de uso colectivo, e que beneficia a sectores tan diversos como a madeira e o moble, a iluminación, o téxtil, o frío industrial, a carpintería metálica, o vidro, a arquitectura, o deseño, a construción e a propia hotelería.

Segundo Aguilera Navarro, a cooperación neste ámbito resulta imprescindible porque os seus principais clientes son cadeas multinacionais que requiren un equipamento integral, mediante ofertas ás que só poden concorrer con opcións de éxito empresas especializadas, competitivas, agrupadas e ben organizadas. A cooperación, segundo subliñou, sempre constitúe un recurso fundamental para que as firmas avancen na súa internacionalización con rapidez e seguridade.

Neste sentido, o director xeral do Igape lembrou que Galicia xa conta con plataformas neste ámbito centradas na internacionalización, como é o caso da coordinada por Tatoo Contract e que conta con media ducia de empresas. Unha das claves do éxito destas agrupacións radica nas sinerxías entre as compañías, con capacidade para cubrir toda a cadea de valor da canle “Contract” e para atender os esixentes requirimentos das grandes cadeas hoteleiras.

Durante a súa intervención, Javier Aguilera destacou o impulso que a Consellería de Economía e Industria está a dar a proxectos colectivos, tanto mediante axudas ­–a través de programas como o Primex, con máis de 250 empresas cooperando en máis de 20 mercados internacionais– como no eido da prestación de servizos de internacionalización como os facilitados, en orixe ou en destino, desde as distintas plataformas Pexga, que xa acumulan máis de 12.000 accións de apoio desde a súa posta en marcha.

No eido dos servizos, e como complemento a programas de cooperación como o Primex, o Igape vén de poñer en marcha o novo programa Cooperex Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. – un servizo que facilita ás empresas a localización dos socios ou aliados que precisan para avanzar nos mercados exteriores.

Este novo servizo pode ser de especial relevancia para as empresas da canle Contract, que terán unha nova oportunidade de establecer contactos e alianzas na III Semana Internacional Contract, que se desenvolverá en Santiago os próximos días 30 de setembro e 1 de outubro. Con este evento, organizado no marco de cooperación da rede Pexga, a Xunta de Galicia busca dar continuidade á procura de novos mercados para un sector de especial relevancia na economía galega.

 

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios