Santiago, 17 de setembro de 2013.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, participou hoxe na apertura da xornada técnica sobre os Instrumentos de apoio ás Pemes habilitados pola Consellería de Economía e Industria, e animou a autónomos e emprendedores a investir para aproveitar e reforzar a positiva evolución da actividade económica en Galicia.
O director xeral do Igape lembrou a positiva evolución de indicadores como o índice de produción industrial, que este ano leva subido un 2,4% en Galicia, e animou aos empresarios a apostar polos investimentos aproveitando as axudas habilitadas pola Consellería de Economía e Industria mediante programas como ReEmprende ou Microcréditos. Aguilera Navarro amosouse convencido de que é un bo momento para emprender e investir en Galicia.
Javier Aguilera salientou que o Igape mantén activas liñas de apoio que habilitan subvencións a fondo perdido para apoiar investimentos comprendidos entre 35.000 é 500.000 euros, a través do programa para novos emprendedores e empresas en fase de crecemento temperán (ReEmprende), e mediante a liña que habilita microcréditos de ata 25.000 euros para apoiar tamén os pequenos investimentos de microempresas ou autónomos.
O director xeral do Igape recordou que o Igape dispón ademais dun amplo abano de servizos e apoios para facilitar a internacionalización das empresas, incluíndo programas como ReExport, que financia as exportacións, e que mantén igualmente activo o programa ReSolve para facilitar financiamento de circulante a autónomos e pemes.
Aguilera Navarro lembrou que, por outra banda, o Instituto dispón dun amplo marco de instrumentos e apoios e axudas para promover a mellora competitiva do tecido empresarial, comezando polo servizos do programa ReAcciona, que avalía de xeito gratuíto o potencial competitivo ou de internacionalización das pemes e achega servizos avanzados para facilitar a implantación de proxectos de mellora.
Na xornada técnica organizada coa Cámara de Comercio de Santiago participaron tamén outros responsables do Igape para informar polo miúdo sobre os servizos e as axudas da Consellería de Economía e Industria para apoiar os investimentos, a mellora da competitividade ou a internacionalización das empresas.