Venres, 13 Setembro 2013 13:29

Economía e Industria destina 500.000 euros a impulsar a internacionalización das empresas téxtiles

A liña de apoios promove actuacións de difusión e promoción fóra da Comunidade Autónoma así como iniciativas orientadas ao acceso a mercados exteriores. Esta convocatoria de axudas permite avanzar no desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020, consensuado no marco do diálogo social de Galicia.

Santiago, 10 de setembro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria convocou, a través do Igape, un programa de apoios para o sector téxtil, destinando 500.000 euros ao impulso das estratexias de promoción e internacionalización das empresas da industria téxtil, moda e confección, co obxectivo de que poidan iniciar ou consolidar a súa presenza en mercados exteriores.

As bases reguladoras destas axudas, publicadas no DOg o pasado 19 de agosto, non só facilitan o desenvolvemento de iniciativas para internacionalización das empresas téxtiles, senón que supoñen un novo paso no desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020, consensuado no marco do diálogo social de Galicia.

A convocatoria, que se fai en réxime de concorrencia competitiva, impulsará actuacións de difusión fóra de Galicia, accións de promoción, tamén fóra da Comunidade Autónoma, e iniciativas orientadas ao acceso das marcas galegas aos mercados exteriores. Deste xeito, o Goberno galego prosegue a súa colaboración co sector téxtil galego, o que ten permitido apoiar máis de 300 proxectos de exportación de empresas desde o ano 2010.

Apoiaranse mediante estas axudas a elaboración de material promocional e as correspondentes campañas publicitarias de difusión; a participación en eventos expositivos do sector fóra de Galicia; as exposicións en corners nacionais ou internacionais; e as accións orientadas a avanzar na penetración das marcas galegas en mercados nacionais e internacionais. O prazo de presentación das solicitudes, a través da páxina http//www.tramita.igape.es, rematará o próximo 19 de setembro.

O investimento máximo subvencionable será de 120.000 euros, e as axudas poderán chegar a cubrir o 60%, no caso das microempresas; esta porcentaxe máxima de apoio será do 50% para as Pemes, e do 40% no caso das grandes empresas, de máis de 250 traballadores. As empresas deberán dispor dun diagnóstico positivo do seu potencial de internacionalización realizado polo Igape ou polo ICEX.

Con estas axudas, a Consellería de Economía e Industria reforza as estratexias de internacionalización das empresas do sector téxtil-moda, que xogan un papel estratéxico para Galicia pola súa importancia social e económica dentro do conxunto do tecido empresarial da comunidade autónoma.

Deste xeito, a Xunta de Galicia, na súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial como un dos piares do crecemento económico, segue a desenvolver diferentes programas de impulso para facilitar a saída ao exterior das empresas galegas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios