Mércores, 28 Agosto 2013 00:00

A Xunta aposta polo Primex como panca para impulsar as exportacións galegas mediante a cooperación

A convocatoria deste ano está dotada con máis de 8 millóns de euros que servirán para apuntalar as exportacións galegas, que creceron case un 20% nos seis primeiros meses do ano. O director do Igape, Javier Aguilera, destaca o récord de empresas exportadoras de xaneiro a xuño. Máis de 250 empresas galegas están xa a colaborar en 43 proxectos amparados polo Primex, que se están a desenvolver en 20 mercados estranxeiros.

Santiago, 28 de agosto de 2013.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, aposta polo Plan Primex como panca para apuntalar o crecemento das exportacións galegas, que nos seis primeiros meses do ano creceron preto dun 20%. Co obxectivo de respaldar eses bos números, que levaron á balanza comercial galega a ter un superávit de 1.900 millóns, o Primex busca impulsar a internacionalización das pemes galegas a través da cooperación entre grupos de polo menos tres empresas.

O director do Igape, Javier Aguilera, subliñou hoxe en rolda de prensa que a Xunta destina este ano máis de 8 millóns de euros a este plan. Aguilera destacou o récord de empresas exportadoras durante os cinco primeiros meses do ano, con máis de 4.000 entidades, a mellor cifra en máis dunha década. Precisamente, sinalou, dentro desas sociedades atópanse as máis de 250 empresas que están a cooperar en 43 proxectos de internacionalización ao abeiro do Plan Primex, implantándose en 20 mercados exteriores.

Esa cooperación, salientou Aguilera, abrangue empresas de sectores como construción e servizos relacionados, servizos de formación e enxeñaría, agroalimentación, automoción e transporte, ou naval. Tamén hai sete proxectos nos que colaboran empresas de diferentes sectores.

As axudas poden cubrir ata o 80% dos investimentos mobilizados, no caso de que as empresas colaboradoras estean asociadas a un clúster e pertenzan ás provincias Lugo ou Ourense ou ás comarcas de Ferrolterra ou Costa da Morte, as áreas que dispoñen de plans de discriminación positiva.

Os mercados onde están a confluír máis proxectos de cooperación de empresas galegas amparadas polo Plan Primex son os de Brasil, o país escollido por nove dos proxectos en marcha; México, con seis; e Panamá, con cinco. Tamén se están a implantar empresas galegas noutros mercados como Angola, Australia, China, Colombia, Francia, Marrocos, Estados Unidos, Romanía, Rusia ou Uruguai, entre outros.

O plan Primex, deseñado por Economía e Industria para apoiar as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas en mercados exteriores, apoia proxectos de cooperación empresarial destinados a impulsar as exportacións de produtos e servizos galegos. Ademais de agrupacións ou consorcios de polo menos tres empresas, os promotores dos proxectos poden ser organismos intermedios que impulsen centros de promoción comercial no exterior con polo menos cinco empresas comprometidas.

Os proxectos Primex en desenvolvemento están a xerar un interesante efecto arrastre sobre outras empresas que están a ser requiridas para prestar servizos de apoio, tanto en orixe como en destino, ás compañías directamente implicadas nos proxectos apoiados pola Xunta.

Colaborando ao abeiro do Plan Primex, as empresas xuntan esforzos, comparten custos e, no seu caso, estratexia e marca, para introducirse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos nos mesmos.

A Xunta de Galicia está a dar resposta integral, a través do Igape, ás necesidades dos empresarios galegos en cada unha das etapas a seguir no ámbito da internacionalización; desde a avaliación do potencial internacionalizador das empresas ou do seu coñecemento dos mercados, ata a toma de decisións de implantación en mercados exteriores, contando con servizos tanto en orixe como en destino e con axudas e apoios financeiros para cada fase.

Así, como complemento previo ao plan Primex, o Igape acaba de crear o programa Cooperex, unha plataforma telemática – cooperex@igape.esEste enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver – onde as empresas poden localizar os aliados que precisan para sumarse a consorcios de exportación, ou para impulsar en grupo proxectos de implantación comercial no exterior.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios