Mércores, 29 Mai 2013 00:00

A Xunta promove negocios e alianzas entre empresas de Galicia e de Marrocos cun encontro bilateral

Javier Aguilera destacou que Marrocos está entre os dez principais socios comerciais de Galicia e animou aos empresarios participantes a apostar polas alianzas a medio e longo prazo. O director xeral do Igape salientou que as exportacións a Marrocos medraron o ano pasado en case un 22%, ata sumar 463 millóns de euros, e que as cifras poderían mellorar este ano, tras sumar 124 millóns no primeiro trimestre.

Santiago, 29 de maio de 2013.- Promover novos negocios e alianzas entre empresas de Galicia e Marrocos é o obxectivo fundamental impulsado pola Consellería de Economía e Industria mediante o foro de negocios bilateral que se desenvolveu esta mañá en Santiago, e que foi clausurado polo director do Igape, Javier Aguilera.

Aguilera Navarro salientou que Marrocos xa está entre os dez principais socios comerciais de Galicia, tanto polo nivel de exportacións, 463 millóns de euros en 2012 –un 22% máis que o ano anterior–, como polas importacións, que sumaron 347 millóns o ano pasado. O director xeral do Igape amosouse convencido de que hai campo e percorrido para novos negocios e animou aos representantes das máis de trinta empresas participantes no foro a apostar por alianzas a medio e longo prazo.

Ademais da nutrida representación empresarial de Galicia e Marrocos, no foro de negocios Galicia-Marrocos participaron o conselleiro económico da embaixada de Marrocos en España, Abdelfattah Lebbar, o presidente da Asociación Marroquí de Exportadores-Importadores, Hassam Sentissi, e o director xeral da Axencia Marroquí de Desenvolvemento de Investimentos, Ahmed Fassi. Participou igualmente o director da plataforma da Rede Pexga en Marrocos, Pedro Verdasco.

O director xeral do Igape aproveitou a súa participación no encontro para lembrarlles aos empresarios galegos que teñen ao seu dispor programas como o ReExport, preparado para mobilizar 8 millóns de euros para financiar os custos das exportacións das empresas galegas. Tamén animou a emprender novos proxectos en cooperación, ao amparo de programas como o Primex, que está a servir para desenvolver dous proxectos colaborativos en Marrocos.

Por outra banda, Javier Aguilera amosou o seu convencemento de que os encontros biliterais programados entre empresas galegas e marroquís permitirán seguir mellorando os negocios e alianzas entre Marrocos e Galicia e dinamizando as exportacións galegas ao país norteafricano, que durante o primeiro trimestre deste ano xa sumaron 124 millóns de euros, segundo destacou.

O Foro de Negocios Marrocos –Galicia, no ámbito do proxecto europeo Galacteaplus, desenvolveuse dentro do marco de traballo da Enterprise Europe Network, rede na que o Igape está a participar activamente e da que tamén forma parte Marrocos, que conta con catro organizacións activas en Rabat e tres en Casablanca.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios