Xoves, 25 Abril 2013 00:00

A Xunta tende pontes para as relacións comerciais entre Galicia e a rexión canadiana de Nova Scotia

O director do Igape, Javier Aguilera, inaugurou un encontro empresarial destinado a avaliar posibles colaboracións entre empresas de ambos extremos do Atlántico. Subliñou que esta rexión, que destaca polo seu potencial en actividades como a pesca ou o sector agroalimentario, pode ser a porta para a chegada das empresas galegas a Norteamérica. Aguilera Navarro participou ademais noutro encontro sobre as oportunidades de negocio en Uruguai, onde exportaron 350 empresas galegas en 2012.

Santiago, 25 de abril de 2013.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, organizou hoxe un encontro empresarial para tender pontes de colaboración, negocios e investimentos entre Galicia e a rexión canadense de Nova Escocia, na que participaron preto de corenta empresas galegas interesadas en abrir ou consolidar mercado en Canadá.

A xornada foi inaugurada polo director xeral do Instituto, Javier Aguilera, quen salientou que Galicia, con importantes plataformas portuarias, pode ser a porta de entrada para as empresas americanas en Europa, ao tempo de Nova Scotia pode exercer a mesma función para as empresas galegas que desexan entrar en Norteamérica.

Co obxectivo de afondar nas relacións empresariais entre as dúas rexións, e logo de exploracións previas xa realizadas por empresas galegas do naval e do metal, está previsto o desenvolvemento dun encontro semellante ao de hoxe en Halifax, durante o próximo mes de xuño. Con algo menos dun millón de habitantes e unha superficie de 53.000 quilómetros cadrados, Nova Escocia é a rexión de Canadá máis próxima a Europa e destaca polo seu potencial en actividades económicas onde tamén destaca Galicia, como as industrias relacionadas coa pesca ou co sector agroalimentario.

O encontro, celebrado no Igape, incluíu un relatorio dun directivo da axencia de desenvolvemento rexional Nova Scotia Business, coa que o Igape está a estudar vías de cooperación, sobre como facer negocios en Canadá, país ao que en 2012 exportaron 151 empresas galegas, un 53% máis que en 2009.

Sobre as oportunidades de negocio para empresas galegas de sectores como o naval ou o metalúrxico falaron o director técnico de Aclunaga, Óscar Gómez, e o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón. Tamén participou no encontro empresarial o director xeral da Autoridade Portuaria da Coruña, Juan Diego Pérez.

Para o desenvolvemento da estratexia de internacionalización empresarial impulsada pola Consellería de Economía e Industria, o Igape está promovendo encontros e convenios con axencias de desenvolvemento dos mercados de especial interese para o tecido empresarial galego. Así, durante a pasada semana, o director do Igape reuniuse con directivos de Uruguay XXI, para avaliar tamén posibilidades de negocio e investimento entre empresas de Galicia e o país americano.

Oportunidades de negocio en Uruguai
O director xeral do Igape participou precisamente hoxe, en Santiago, noutra xornada organizada polo Igape e a CEG sobre as oportunidades de negocio en Uruguai, país polo que aposta Galicia tanto polo seu propio potencial de crecemento como pola súa situación estratéxica, como porta de entrada ao espazo Mercosur, e ao que case 350 empresas galegas exportaron durante 2012.

Durante a súa intervención na xornada que contou coa participación do embaixador de Uruguai en España, Francisco Bustillo, Javier Aguilera destacou que as exportacións galegas a este país medraron nun 70% desde a posta en marcha da rede Pexga, e lembrou que empresas como Espina Obras Hidráulicas ou as catro sociedades que conforman consorcio naval Galictio están implantadas e traballando no país.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios