Santiago, 29 de marzo de 2013.- Preto de 9.000 directivos, empresarios, emprendedores e estudantes beneficiáronse durante o pasado ano do programa de formación lanzado pola Xunta para reforzar o tecido económico galego. A iniciativa buscou actuar sobre todas as fases de formación dunha nova empresa, dende a creación do espírito emprendedor e a constitución dunha compañía, ata a súa consolidación no mercado e a primeira saída aos mercados internacionais.
O programa dividiuse en varias actuacións complementarias. En primeiro lugar, a Consellería de Economía e Industria lanzou, a través do Igape, un programa de formación e asesoramento a cerca de 2.000 emprendedores para elaborar e mellorar os seus plans de negocio. A Xunta destinou outro plan aos empresarios e xestores de pequenas empresas de recente creación. Dado que a supervivencia das compañías durante eses primeiros anos é un dos principais retos do emprendedor, a Consellería de Economía deseñou unha serie de xornadas para ofrecer asesoramento sobre consolidación de empresas recén formadas. O programa foi un éxito: máis de 1.500 empresarios de toda a comunidade participaron no plan, a través de programas como "Sae ao Mercado", "TIC Emprende" ou "ReAcciona".
Esa formación completouse con outro dos piares sobre os que Galicia está a construír o seu futuro empresarial: a internacionalización. Durante o pasado ano, Economía e Industria achegou a cerca de 150 directivos asesoramento para a elaboración de plans estratéxicos de internacionalización das súas compañías.
E precisamente con obxecto de aproveitar o capital humano de que Galicia dispón, como os máis de 300 bolseiros formados en comercio exterior polo Igape, a Xunta habilitou unha bolsa de xestores de internacionalización que xa inclúe a máis de 500 especialistas en mercados exteriores. Neste senso, o propio Igape concedeu apoios para a contratación por parte de empresas ou clústers de 180 xestores de internacionalización.
Sumada a esa iniciativa, máis de cinco mil estudantes galegos de secundaria, FP e Universidade aprenderon as claves para crear a súa propia empresa durante o último ano, grazas aos plans de formación da Xunta. Co obxecto de fomentar o espírito emprendedor e crear unha nova xeración de empresarios galegos, a Xunta – a través do Programa Eduemprende- achegoulles tanto a información precisa para a creación dunha nova compañía como as habilidades necesarias para que a aventura empresarial teña éxito.