Santiago, 15 de febreiro de 2013.- A Xunta de Galicia prevé incrementar de xeito importante ó número dos expertos xestores comprometidos coa Rede Galega de Mentores para facilitar a consolidación de 50 novas empresas durante este ano, segundo manifestou o director xeral do Igape, Javier Aguilera, nun encontro cun grupo de novos empresarios que comezan agora o seu proceso de mentorizaxe.
Neste sentido, Javier Aguilera salientou que no presente exercicio a Consellería de Economía e Industria reforzará os mecanismos de axuda aos impulsores de novas iniciativas empresariais, ao amparo da futura lei de fomento do emprendemento. O obxectivo é ofrecer un apoio integral do que formará parte importante a Rede Galega de Mentores.
O director xeral do Igape salientou que o ano pasado rematou, por terceiro exercicio consecutivo, cun saldo positivo no ámbito de creación de novas empresas, con máis de 4.000 sociedades. Aguilera engadiu que o reto da Rede de Mentores e procurar que as novas empresas se consoliden, medren e cheguen a internacionalizarse.
A xornada supuxo, tamén, o inicio do período de mentorizaxe para quince empresas que comezan agora a usar os servizos da Rede Galega de Mentores. Neste contexto, a Consellería prevé impulsar outros dous encontros semellantes para abrir outros dous procesos de mentorizaxe en maio e setembro deste ano.
No encontro participaron a mentora María Caeiro, conselleira delegada de Caeiro S.A., e o empresario mentorizado Alejandro Lamas, que dirixe a empresa TIC Sixtema e que agora prevé seguir vinculado a Rede como mentor para compartir a súa experiencia con outros novos emprendedores.
Evolución positiva
A Rede de Mentores mantén unha evolución positiva desde a súa posta en marcha. Así, de 32 mentores en decembro de 2010 pasouse a 110 na actualidade, e de 54 empresas en decembro de 2010 pasouse a 127 nestes momentos, cando xa concluíron de xeito satisfactorio 61 dos procesos de mentorizaxe emprendidos.
O perfil empresarial ao que se orienta preferentemente a Rede de Mentores da Xunta de Galicia e o de empresas na súa fase inicial de posta en marcha ou en proceso de consolidación, e que se atopan diante dunha necesidade ou aposta estratéxica concreta que deben superar.
As empresas interesadas neste instrumento de apoio poden inscribirse na Rede Galega de Empresarios Mentores a través da páxina web www.redementores.com, presentando a súa problemática para buscar o apoio e asesoramento dos mentores máis axeitados ao seu caso. A rede está igualmente aberta á incorporación de novos mentores.