Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou este mediodía que é “imprescindible a cooperación entre as distintas administracións, no ámbito público-privado, e entre as propias empresas para avanzar con éxito no reto da internacionalización”, unha das claves para recuperar o camiño do crecemento económico.
Conde, que foi o encargado de presentar á conselleira delegada do Instituto de Comercio Exterior (ICEX), Coriseo González-Izquierdo, nun coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), remarcou que este é o modelo que está a impulsar a Xunta de Galicia para optimizar recursos e alcanzar novas metas potenciando a eficiencia na xestión.
“En Galicia temos un tecido empresarial forte, competitivo e innovador”, asegurou o conselleiro, quen remarcou que “nos agarda un intenso traballo por diante para recuperar a confianza na nosa economía, unha economía sólida e fiable que ademais é capaz de atraer investimentos, e o éxito está máis preto se sumamos esforzos”.
Neste sentido, Francisco Conde apuntou a intención da Xunta de continuar a potenciar a colaboración co Instituto de Comercio Exterior e con outras administracións. Salientou tamén que o Goberno galego segue a traballar desde a cooperación para seguir impulsando un crecemento sostido das exportacións e das empresas exportadoras e reforzar as implantacións comerciais de empresas galegas no exterior. “As empresas galegas demandan saír fóra e a administración está para ofrecerlles o apoio e o asesoramento que precisan”, asegurou o conselleiro de Economía e Industria.