Luns, 24 Decembro 2012 00:00

A Rede de Mentores do Igape segue a medrar para apoiar a consolidación das novas empresas

A rede impulsada pola Consellería de Economía e Industria conta na actualidade con 108 mentores expertos e comprometidos para compartir, de balde, coñecemento e experiencia con novos empresarios. Xunto co programa Re-Acciona, a rede conforma un conxunto de servizos de valor engadido para impulsar a mellora competitiva das pemes galegas. O Igape dispón dun completo abano de servizos e axudas para apoiar o deseño, posta en marcha, consolidación e desenvolvemento dos proxectos impulsados por novos emprendedores.

Santiago, 24 de decembro de 2012.- A Rede Galega de Empresarios Mentores, impulsada por Economía e Industria para facilitar a consolidación, a mellora da competitividade e a internacionalización das novas empresas galegas, segue a medrar e conta xa con 108 xestores experimentados dispostos a compartir, de xeito altruísta, e súa experiencia e coñecementos empresariais.
 
A rede de Mentores é un instrumento de apoio gratuíto á creación, consolidación e crecemento das empresas galegas a través dun proceso estruturado no que empresarios expertos en diferentes ámbitos de xestión comparten coñecementos e experiencias con empresarios en fases de creación ou desenvolvemento dos seus proxectos.
 
Xunto co programa Re-Acciona, no que acaban desembocando algunhas das empresas mentorizadas para avanzar nos seus procesos de consolidación, conforma un conxunto de servizos de valor para impulsar a mellora competitiva das pemes. Así, o Igape dispón dun completo abano de servizos e axudas para apoiar o deseño, posta en marcha, consolidación e desenvolvemento dos proxectos impulsados por novos emprendedores.
 
Desde a posta en marcha da Rede de Mentores, coordinada a través do Igape, a evolución de mentores comprometidos para compartir a súa experiencia nos diferentes ámbitos da xestión empresarial e o de empresas acollidas ao servizo mantén unha progresión crecente. Así, de 32 mentores en decembro de 2010 pasouse a 108 na actualidade, e de 54 empresas en decembro de 2010 pasouse a 111 nestes momentos, cando xa concluíron de xeito satisfactorio 61 dos procesos de mentorizaxe emprendidos.
 
O perfil empresarial ao que se orienta preferentemente a Rede de Mentores da Xunta de Galicia e o de empresas na súa fase inicial de posta en marcha ou en proceso de consolidación, e que se atopan diante dunha necesidade ou aposta estratéxica concreta que deben superar.
 
O proceso de asesoramento do mentor non aborda aspectos operativos do proxecto senón que trata sempre de aspectos estratéxicos para a empresa e, sobre todo, da coherencia da proposta coa política da empresa. O mentor achega á empresa unha visión externa á sociedade, transmite a súa experiencia nun ámbito concreto da xestión empresarial e pode achegar contactos de utilidade.
 
As valoracións por parte das empresas que concluíron o proceso de mentorizaxe son moi positivas, e así se reflicte nos cuestionarios e nas entrevistas que se realizan ao finalizar o labor de asesoramento e que se publican no blog e no boletín de noticias da Rede. Algunhas das empresas mentorizadas accederon despois a servizos ofrecidos polo Igape como os programa Medra ou Re-Acciona para seguir avanzando na súa consolidación e mellora competitiva.
 
As empresas interesadas neste instrumento de apoio poden inscribirse na Rede Galega de Empresarios Mentores a través da páxina web www.redementores.com, presentando a súa problemática para buscar o apoio e asesoramento dos mentores máis axeitados ao seu caso.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios