Martes, 20 Novembro 2012 00:00

Igape destaca a cooperación como instrumento idóneo para que os autónomos melloren a competitividade

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participou na sesión inaugural da III convención de colectivos de autónomos de Galicia que se desenvolve hoxe en Bergondo. Aguilera salientou que o colectivo pode acollerse aos servizos e axudas da Consellería de Economía e Industria para impulsar investimentos ou desenvolver proxectos de mellora da súa competitividade ou internacionalización.

A Coruña, 20 de novembro de 2012.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe durante a súa intervención na sesión inaugural da convención de organizacións de autónomos desenvolvida esta mañá no pazo de Mariñán, en Bergondo, que a cooperación ao amparo de proxectos colectivos impulsados por asociacións ou organismos intermedios de carácter empresarial é o instrumento idóneo para que os autónomos poidan mellorar a súa competitividade e asegurar a súa consolidación no mercado.
 
Aguilera destacou que os membros deste colectivo poden acollerse á práctica totalidade dos servizos e dos apoios que ofrece a Consellería de Economía e Industria a través do Igape para dinamizar a actividade empresarial, e salientou o potencial dos autónomos para dinamizar a economía e xerar emprego.
 
O director do Igape recordou que, en concreto, o colectivo pode acollerse a programas de apoio para novos investimentos como re-Imaxina ou re-Emprende, do mesmo xeito que pode incorporar a innovación aos seus procesos mediante proxectos individuais ou colectivos con programas de promoción da mellora da competitividade como Innoempresa.  Aguilera Navarro lembrou tamén que os autónomos poden beneficiarse igualmente dos programas de formación, servizos de mellora da competitividade ou servizos e axudas para procesos de internacionalización.
 
A través do Igape, a Consellería de Economía e Industria dispón dun amplo e completo abano de servizos e instrumentos para asesorar e acompañar, desde as fases previas de elaboración e avaliación económica e financeira dun plan de empresa, a novos emprendedores ou autónomos que apostan por impulsar actividades empresariais en Galicia.
 
Ademais da intervención do director do Igape na sesión de apertura da III convención de autónomos, o Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria participa no encontro cun relatorio específico sobre todos os instrumentos existentes para apoiar as actividades económicas  dos autónomos. O encontro aborda tamén outros asuntos referidos aos dereitos individuais e colectivos dos autónomos e ao asociacionismo como clave de éxito, sobre todo en momentos de dificultades.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios