Santiago, 26 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria impulsa a posta en marcha de 132 proxectos que servirán para mellorar a competitividade das empresas galegas, a través dunha liña de axudas que suma 3,5 millóns de euros e permitirá a creación de máis de 200 postos de traballo.
Estes proxectos permitirán a realización de investimentos que superan os 13 millóns, en diferentes pemes galegas. As axudas destináronse a investimentos tecnolóxicos, mellora dos equipamentos e iniciativas de difusión como: congresos ou eventos expositivos de alcance internacional, encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados e encontros ou xornadas técnicas para a difusión de instrumentos ou servizos relacionados coa mellora da competitividade.
No proceso de avaliación, valorouse especialmente a creación de postos de traballo, sobre todo cando favorecen a colectivos de difícil inserción laboral. A avaliación incluíu tamén tratamento preferente para as iniciativas a desenvolver nas áreas de influencia dos plans impulsa e dos programas de desenvolvemento específico dalgunhas zonas como: Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e Costa da Morte.
Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, continúa a dar prioridade á creación de emprego e ao desenvolvemento de proxectos de mellora da competitividade das pemes, que favorezan o equilibrio territorial en Galicia e a incorporación da innovación a procesos e produtos.