Santiago, 3 de outubro de 2012.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, reuniuse hoxe con representantes de doce proxectos colectivos que agrupan un total de 70 empresas que están a cooperar para implantarse comercialmente en mercados de Latinoamérica ao abeiro do plan Primex, deseñado pola Consellería de Economía e Industria para apoiar as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas en mercados exteriores.
Nun encontro para intercambiar experiencias entre as empresas participantes, e para avaliar co Igape as posibilidades de mellora do programa para próximas convocatorias, participaron empresas de sectores como construción e reparación naval, construción de edificios, materias de construción, servizos de asesoramento e enxeñería, comercio ou elaboración e distribución de produtos alimentarios. Os proxectos están a servir para avanzar na implantación comercial das empresas que colaboran nos mercados de Brasil, México, Panamá e República Dominicana.
O plan Primex, deseñado por Economía e Industria para apoiar as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas en mercados exteriores, apoia proxectos de cooperación empresarial destinados a impulsar as exportacións de produtos e servizos galegos. Os proxectos en desenvolvemento ou en fase de avaliación polo Igape apuntan a 30 mercados distintos de todo o mundo, entre os que destacan como máis solicitados os da área latinoamericana, entre eles Brasil, México, Colombia, Panamá ou Perú.
Segundo recoñeceu hoxe o director xeral do Igape, Javier Aguilera, o tecido empresarial galego está cada vez máis comprometido coa necesaria aposta pola internacionalización, que conforma un dos obxectivos estratéxicos impulsados pola Consellería de Economía e Industria.
O director xeral do Igape salientou que os proxectos Primex en desenvolvemento están a xerar un interesante efecto arrastre sobre outras empresas que están a ser requiridas para prestar servizos de apoio, tanto en orixe como en destino, ás compañías directamente implicadas nos proxectos apoiados pola Xunta.
Colaborando ao abeiro do Plan Primex, as empresas xuntan esforzos, comparten custos e, no seu caso, estratexia e marca, para introducirse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos nos mesmos. No marco deste plan, o Igape pode apoiar tamén proxectos de centros de negocios conxuntos no exterior, para dar a coñecer ou promover produtos ou servizos de empresas galegas amparadas por unha ou varias denominacións de orixe, un clúster ou unha ou varias asociacións; e proxectos de agrupacións de empresas para facilitar a loxística do transporte, a exposición ou a almacenaxe en destino.