Xoves, 10 Febreiro 2011 01:00

O Igape explica nas 7 cidades galegas as axudas para incentivar a internacionalización empresarial

O director xeral do Instituto, Joaquín Varela de Limia, destacou en Santiago a importancia estratéxica de avanzar na internacionalización das empresas galegas e salientou que Economía e Industria reserva 12 millóns de euros para os apoios neste ámbito. Técnicos e directivos do Instituto que preside o conselleiro Javier Guerra explicaron polo miúdo a convocatoria das xornadas para este ano que se desenvolveron simultaneamente nas cidades de A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Santiago, 10 de febreiro de 2011.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, destacou a "importancia estratéxica" de seguir avanzando na internacionalización das empresas galegas, durante a súa participación na apertura da xornada informativa desenvolvida en Santiago para difundir a convocatoria das axudas habilitadas pola Consellería de Economía e Industria para apoiar a conquista de novos mercados.

Durante a mañá de hoxe, técnicos do Igape informaron polo miúdo sobre as características das liñas de apoio que veñen de publicarse (DOG 02/02) para impulsar, en 2011, a internacionalización das empresas galegas. As xornadas informativas para empresarios desenvolveranse de forma simultánea en sedes da Xunta de Galicia nas 7 cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol.

Segundo a convocatoria de axudas que acaba de publicarse, a consellería de Economía e Industria reservará en 2011, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), partidas orzamentarias que suman 12 millóns de euros ao financiamento das bases de axudas para iniciativas e proxectos de internacionalización das empresas galegas. "Existen moitas oportunidades de negocio no exterior, e queremos apoiar aos empresarios galegos para que saian buscalas", dixo Joaquín Varela.

As bases do Igape para apoiar a internacionalización teñen un dobre obxectivo: facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar a empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance liñas de axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países receptores das exportacións galegas e a diversificación dos sectores exportadores.

Mediante as liñas para a internacionalización das empresas galegas que veñen convocarse o Igape apoiará a realización de seminarios de internacionalización; accións de planificación exterior; a participación en eventos expositivos e promocionais internacionais celebrados fóra de Galicia; as misións comerciais directas; as misións comerciais inversas; as misións tecnolóxicas directas e inversas; accións de marketing, comunicación, imaxe e marca; accións de prospección internacional; e iniciativas destinadas á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex).

Segundo lembrou o director do Igape, a aposta da Xunta de Galicia pola internacionalización das empresas galegas "ten unha das súas principais manifestacións no eixo estratéxico que o Igape destina a favorecer a proxección exterior do tecido produtivo, que rexistrou un incremento do 10,57%, nun ano de orzamentos especialmente restritivos".

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios