Venres, 10 Xullo 2020 11:14

A Xunta impulsa unha nova liña de financiamento que permitirá achegar a autónomos e microempresas a liquidez necesaria para mobilizar 50M€

A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará préstamos de entre 3000 e 20.000 euros a cada negocio para atender as súas necesidades, como pago de salarios, alugueiros ou impostos. Os beneficiarios desta iniciativa terán ata cinco anos para amortizar os créditos e o Goberno galego farase cargo do 100% dos xuros. A Administración autonómica tamén porá en marcha un novos instrumentos financeiros dirixidos aos sectores vitivinícola, artístico e cultural –vinculado especialmente ás orquestras– e a economía social.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020.- A Xunta vén de activar novos programas de financiamento que permitirán mobilizar arredor de 120 millóns de euros e que complementan ás medidas xa postas en marcha para poder atender ás necesidades de liquidez dos autónomos, microempresas e pemes de Galicia.

A primeira das liñas de financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria que se lanza son microcréditos para facilitar liquidez a autónomos e microempresas (menos de dez traballadores e menos de 10 millóns de euros de balance ou de cifra de negocios). Por outro lado, tamén está previsto poñer en marcha novos instrumentos financeiros destinados a achegar préstamos aos sectores vitivinícola, cultural e artístico –con especial atención ao ámbito das orquestras– e ás empresas da economía social. Estas medidas buscan impulsar a reactivación da actividade dos colectivos empresariais máis afectados no actual contexto económico. 

Nova liña de microcréditos

A primeira das liñas aprobadas hoxe facilitará microcréditos de entre 3000 e 20.000 euros a cada negocio con xuros bonificados ao 100% pola Xunta, que disporán dun prazo de duración máxima de cinco anos, cun ano de carencia como tope. A iniciativa, dotada con 6,1 millóns de euros de orzamento e coa previsión de mobilizar ata 50M€, desenvolverase en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs) e as entidades financeiras e o prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de outubro.

Esta medida complementa a liña de préstamos avalados de entre 3000 e 200.000 euros, dotada con 30 millóns de euros e mediante a que se concederán ata 250 millóns de euros a autónomos e pemes. Leva facilitados xa máis de 1300 préstamos por valor de 73M€ e, como no caso dos microcréditos, a Xunta bonifica a totalidade dos xuros. 

Préstamos directos 

Por outra banda, cun orzamento de 8 millóns de euros, facilitaranse préstamos directos da Xunta de entre 3000 euros e 200.000 euros ás pemes de sectores especialmente afectados pola actual situación económica: o sector cultural e artístico, con especial atención ás orquestras, e a economía social. 

Apoiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), os créditos, dentro do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, estarán libres de comisións, non terán como condición a achega de garantías e estarán libres de xuros ou contemplarán porcentaxes moi baixas. Ademais, non será necesaria a intervención das entidades financeiras e achegarán ata o 75% tanto das necesidades de liquidez como dos investimentos de cada empresa beneficiaria, que disporá dun ano para a devolución. A previsión é mobilizar ata 10M€.

En paralelo, para o sector vitivinícola, habilitarase, en coordinación coa Consellería do Medio Rural, un préstamo vendima co que se prevé mobilizar 60 millóns de euros para permitir a todas as bodegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da vendima deste ano en condicións normais de mercado. Deste xeito, garántese o futuro das bodegas e dos viticultores galegos que apenas teñen recibido fondos por parte do Goberno central.

Plan de reactivación económica

Estas iniciativas –deseñadas seguindo as recomendacións do Comité de expertos económicos encargado de asesorar á Xunta– forman parte do Plan de reactivación económica de Galicia, que ten como obxectivos fundamentais recuperar a economía da Comunidade, facilitar a transformación do tecido empresarial galego –pensando sobre todo nos autónomos, microempresas e pemes–, xerar emprego nos sectores máis golpeados pola covid-19 e fortalecer os servizos públicos que reciben os cidadáns.

O Plan inclúe tamén un paquete de iniciativas que se porá en marcha a través de XesGalicia  –a sociedade xestora de capital risco da Consellería de Economía, Emprego e Industria– e que estarán dotadas con 60 millóns de euros. Tal e como se informou no Consello da Xunta da semana pasada, permitirán mobilizar arredor de 180M€ e inclúen un programa de transformación, a creación dun fondo de fondos en colaboración con xestoras privadas de capital risco e un fondo público-privado.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios