Mércores, 08 Xullo 2020 13:17

A Xunta apoia mediante o programa Galicia Emprende 106 iniciativas empresariais que mobilizarán 14M€

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por case 3,8 millóns de euros para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou de consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento. Os proxectos aprobados contemplan a creación e mantemento de máis de 300 empregos e abranguen actividades tanto do sector industrial como dos servizos.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2020.- A Xunta concedeu ao abeiro da última edición do Galicia Emprende, da que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da segunda convocatoria, axudas por case 3,78 millóns de euros para apoiar 106 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de 14 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 302 empregos.

As iniciativas apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, abranguen actividades do sector industrial da automoción; do sector agroalimentario, como a elaboración de viños, pan e bolería; e dos servizos, como centros para maiores e escolas infantís, clínicas dentais, de fisioterapia e podoloxía ou restaurantes especializados. O investimento medio por proxecto é de 130.000 euros, correspondéndose sobre o 40% das iniciativas ás impulsadas por autónomos e as restantes por sociedades mercantís.

Entre os proxectos novidosos aprobados na última convocatoria destaca un de reciclado e desmontaxe das superficies deportivas de herba artificial, que prevé crear 6 postos de traballo. Outras iniciativas de dimensión importante, que investirán máis de 350.000 euros cada unha e mediante as que se crearán máis de 10 novos postos en todo o territorio, apostan pola apertura e acondicionamento de establecementos hostaleiros, de lecer e turísticos, así como a creación dun centro de servizos funerarios que contempla un parque cemiterio ecolóxico.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios