Luns, 08 Xuño 2020 10:31

A Xunta impulsa a expansión das empresas galegas en México a través dun novo encontro en liña

O próximo martes 9 celebrarase a segunda videoconferencia do ciclo que afonda tamén nas oportunidades para as exportacións galegas en China, Estados Unidos, Marrocos, Perú, Reino Unido, Israel e India. Representantes das oficinas empresariais da Administración autonómica e compañías galegas con implantación nestes oito mercados informan ás pemes participantes sobre os servizos dispoñibles e ofrecen claves para impulsar ou mellorar as vendas no exterior. Está activo tamén o programa formativo online gratuíto de apoio á internacionalización dixital dirixido a autónomos e pemes, enmarcado no Plan de dixitalización que vén de activar o Goberno galego.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2020.- O vindeiro martes 9 terá lugar o segundo dos encontros online do ciclo Webinars País, que está a achegar videoconferencias ao tecido empresarial galego co obxectivo de afondar nas oportunidades de negocio en oito destinos mundiais. O webinario que terá lugar a próxima semana centrarase nas vendas en México, e as empresas interesadas en participar poden inscribirse en no seguinte enlace: Webinars País: México.

Este encontro súmase ao xa celebrado sobre China e os que proximamente abordarán os mercados de Perú, Marrocos, Estados Unidos, Reino Unido, Israel e India, nos que representantes de cada unha das oficinas empresariais do Igape situadas neses países informan ás pemes participantes sobre os servizos gratuítos que poñen á disposición do tecido produtivo. 

Ademais, compañías galegas con implantación neses destinos achegan as claves para impulsar ou mellorar as exportacións cara eles e ofrecen análises dos retos e oportunidades que a nova situación económica mundial presenta. No vindeiro encontro serán representantes das empresas galegas Optare Solutions e Grupo Ramón García, con actividade comercial en México, e do ICEX e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (Anfaco-Cecopesca) os que abordarán as estratexias máis axeitadas para o mellorar a presenza comercial das pemes galegas no mercado mexicano. 

Para potenciar a presenza exterior da produción galega, están tamén activas as actividades do programa formativo online gratuíto de apoio á internacionalización dixital que se dirixe a autónomos e pemes que queren abordar cambios nas súas estratexias de introdución e consolidación das vendas nos mercados exteriores. Desde o pasado venres desenvólvense os oito talleres de orientación práctica e titorías individuais con expertos, coa que se facilita aos participantes capacitación neste eido, un servizo personalizado de orientación e o acceso á rede de contactos profesionais do Igape en diferentes países.

A iniciativa enmárcase no Plan de dixitalización que o Goberno galego vén de activar –e co que se prevé a mobilización de 40 millóns de euros en Galicia– para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a súa adaptación á actual situación que se deriva da covid-19. 

Datas previstas dos próximos webinarios

Perú: martes 23 de xuño.

Marrocos: martes 7 de xullo.

Estados Unidos: martes 21 de xullo.

Israel: martes 8 de setembro.

Reino Unido: martes 22 de setembro.

A India: martes 6 de outubro.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios