Luns, 25 Mai 2020 09:13

A Xunta amplía o prazo para que as empresas participantes no programa Profesionais 4.0 poidan contratar mozos e mozas de ata 35 anos

Para axustarse mellor ao novo contexto económico, as compañías adscritas á iniciativa disporán ata finais de agosto para formalizar os contratos, que impulsarán a especialización e a incorporación ao mercado laboral de 139 persoas con titulación universitaria ou de técnico superior de FP. Esta liña de apoios impulsa a industria conectada e intelixente mediante o desenvolvemento de proxectos de mellora competitiva en compañías e organizacións empresariais. Tamén se prorroga o período de presentación de solicitudes do programa Maquinaria 4.0 e os proxectos Industria 4.0.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2020.- As empresas e asociacións empresariais adscritas ao programa Profesionais 4.0 (http://www.igape.es/gl/ser-mais-competitivo/profesionais-4-0) disporán ata finais de agosto para realizar a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos, que participarán no desenvolvemento proxectos de mellora competitiva no eido da Industria 4.0. A ampliación do prazo para a formalización de contratos desta iniciativa da Xunta de Galicia ten como obxectivo favorecer ao tecido empresarial o acceso ás axudas no actual contexto económico, ao tempo que facilita a especialización e a incorporación ao mundo laboral de 139 mozos e mozas que recentemente obtiveron a titulación esixida.

Con esta liña de axudas pioneira, activada cunha dotación de 2 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa, a través do Igape, a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústers, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.

As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.

Profesionais 4.0, que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, súmase ás distintas iniciativas impulsadas pola Administración autonómica para favorecer a retención de talento na Comunidade e o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza, ao tempo que se estimula a súa incorporación ao tecido empresarial, mellorando así a súa competitividade.

Ampliación do prazo de solicitudes do Maquinaria 4.0 e os proxectos Industria 4.0

Co mesmo obxectivo de facilitar o acceso ás axudas activadas polo Goberno galego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de ampliar tamén o prazo de presentación de solicitudes para as axudas dos programas Maquinaria 4.0, ata o vindeiro 5 de xuño, e os proxectos Industria 4.0, ata o 29 de maio.

A primeira convocatoria de axudas da nova liña Maquinaria 4.0, dotada con 2 millóns de euros ata 2021, incentiva aos fabricantes de bens de equipo e maquinaria a desenvolver produtos que dean resposta a necesidades concretas do sector e que permitirá reforzar a estandarización neste ámbito produtivo e facilitar a compra local, nacional e internacional de tecnoloxía xerada en Galicia. Empresas e agrupacións empresariais que se constitúan con este obxectivo poden presentar as súas propostas para os cinco retos definidos a partir da análise das necesidades detectadas na consulta realizada polo Igape ao tecido produtivo galego a finais do pasado ano.

Pola súa parte, a cuarta convocatoria das axudas a proxectos Industria 4.0, unha iniciativa que impulsa a Xunta cun orzamento de 4,18 millóns de euros, apoiará ata seis novas iniciativas colectivas para seguir avanzando no desenvolvemento en Galicia da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía. A previsión da presente edición é mobilizar investimentos por 10 millóns de euros en proxectos de medio cento de empresas coordinadas por organismos intermedios de carácter sectorial.

Os tres programas enmárcanse na Axenda 4.0, para cuxo desenvolvemento a Xunta destinará 350 millóns de euros entre 2019 e 2022 cos obxectivos de anticiparse aos cambios do novo modelo industrial, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico, que no novo contexto económico provocado polo COVID-19 deben ser claves na reactivación e fortalecemento do tecido produtivo galego.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios