Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020.- A Xunta activa o Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio galego, dotado con 23,5 millóns de euros e co que se prevé mobilizar arredor de 40 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a súa reactivación e que poidan incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado do Covid-19.
Búscase así que poidan acometer os procesos de dixitalización máis axeitados que lles permitan reforzar a súa actividade e afondar na súa expansión internacional a través de novas canles de comercialización a partir de ferramentas dixitais innovadoras. Ademais, o programa ten en conta de maneira especial as necesidades do sector comercial en xeral, do tecido empresarial situado no ámbito rural, e o impulso do teletraballo.
Teletraballo e impulso do rural
En concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, prevé destinar 6,5 millóns á dixitalización das pequenas e medianas empresas; 4 millóns de euros para apoiar solucións tecnolóxicas que faciliten o teletraballo; e 3 millóns para avanzar na transformación dixital da economía social e dos proxectos empresariais que se desenvolven no rural.
Internacionalización
Ademais, no marco deste Plan de dixitalización, refórzase o programa Galicia Exporta Dixital, que contará así cun orzamento de 6 millóns de euros, incorporando como novidade destacada que os comercios polo miúdo poderán acollerse ás axudas. A través deste programa, pemes e comerciantes poderán obter apoios para a realización de diagnósticos de potencial exportador; plans de internacionalización dixital multicanle; plans de mercados electrónicos concretos; a creación e adaptación de tendas en liña e catálogos en liña para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo ou a adquisición de software específico, entre outros.
Comercio de proximidade
A Xunta tamén conta cun programa para impulsar a innovación e a dixitalización do comercio de proximidade galego, incorporando a posibilidade de que os beneficiarios cobren anticipos. A través deste programa, dotado con preto de 4M€, comerciantes e artesáns poderán obter apoios para mellorar e incrementar os servizos que se prestan aos consumidores a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión.
Tamén se concederán a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.