Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020.- O Consello da Xunta avanzou hoxe na nova liña de axudas destinada a impulsar a fabricación en Galicia de produtos que sexan de utilidade na loita contra o Covid-19 e que contribúan a incrementar a prevención tanto a nivel sanitario como en materia de seguridade e saúde laboral. En concreto, trátase dunha liña específica á que o Goberno galego destina 5M€ para facilitar os proxectos de pemes galegas que se dediquen á produción de medicamentos, tratamentos, test de diagnóstico, equipos hospitalarios e médicos, entre outros bens.
Os apoios previstos poderán acadar ata 800.000 euros por iniciativa. Os proxectos deberán ter un custo subvencionable igual ou superior a 100.000 euros. As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva, cubrirán o 75% dos investimentos que realicen as pequenas e medianas empresas que fabricarán os seguintes materiais: medicamentos -incluídas as vacinas- e tratamentos contra o Covid-19, produtos intermedios, ingredientes farmacéuticos activos e materias primas necesarias para a súa elaboración; produtos sanitarios, equipos hospitalarios e médicos -incluídos respiradores, roupa e equipos de protección e ferramentas de diagnóstico-, e as materias primas necesarias; desinfectantes; e ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos.
O novo programa actívase logo de que a Xunta realizase unha consulta previa ao tecido produtivo precisamente para coñecer a dispoñibilidade das pemes galegas a acometer a fabricación de produtos que sirvan para previr e combater o Covid-19. Foron 28 as propostas presentadas que contribuíron á finalización do deseño das axudas, recollendo as achegas sobre os proxectos que se poderían acometer para a fabricación deste tipo de produtos e as suxestións sobre as características da nova liña.
Esta iniciativa tamén se suma á convocatoria xa aberta para impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria, dotada con 2,5 millóns de euros. O Comité de fabricación de equipamento sanitario impulsado pola Xunta vén de validar a comezos desta semana os primeiros 14 proxectos de pemes galegas e que van mobilizar más dun millón de euros na reestruturación dos seus procesos produtivos para fabricar medios de protección fronte o Covid-19. A Administración autonómica achega ao redor do 70 por cento do investimento, preto de 750.000 euros. Catro destes proxectos van dirixidos á fabricación de máscaras, o que permitirá dispoñer en Galicia de 300.000 unidades diarias.