Santiago, 15 de abril de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe a segunda edición do Programa de Xestores de Exportación, ao que destinará 1,6 millóns de euros, para apoiar a contratación duns 80 xestores de internacionalización polas empresas galegas e mais polos organismos intermedios, que poden ofrecer este servizo a un grupo de empresas, a prol da conquista de mercados exteriores.
Estas bases teñen como obxectivo facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados, poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a formación de especialistas en comercio exterior e a súa incorporación ao mercado laboral.
Os apoios farán posible a contratación de arredor de 80 xestores de internacionalización por empresas e organismos intermedios galegos como por exemplo os clusters, asociacións empresariais ou os consellos reguladores.
Ademais, dende o Igape, facilitarase ás empresas a información e contratación de persoal con formación especializada, a través da Bolsa de Xestores de Exportación, publicada na súa web. Iniciativa que permanecerá aberta aos especialistas, formados polo Instituto, a través do plan de formación de especialistas en comercio internacional e o programa de bolsas no estranxeiro en organismos dedicados ao comercio exterior (Bolsas de Promoción Exterior), así como aos profesionais con experiencia previa neste eido.
Javier Guerra destacou que, nesta ocasión, "primarase a colaboración empresarial e serán os organismos intermedios, que poden ofrecer este servizo a un grupo de empresas, os que poidan acceder a a maiores axudas e durante máis tempo". De xeito que os contratos realizados por organismos intermedios poderán apoiarse por un período de até tres anos, antes o máximo era de 1 ano; a contía da subvención pasa do 75% ao 80% do custo do contrato, nos 12 primeiros meses, e os límites máximos de axuda increméntanse dos 25.000 aos 30.000 euros.
No caso de solicitudes de empresas, a axuda será do 75% do salario bruto anual, cun límite máximo de 15.000 €, se o centro de traballo de destino do xestor está en Galicia; e 25.000 €, se se atopa no estranxeiro. Mentres que nas solicitudes de organismos intermedios a contía da axuda sobre o salario bruto anual será do 80%, nos primeiros 12 meses de contratación; do 70%, nos seguintes 12 meses, e do 60%, nos últimos. O límite máximo da axuda é, neste caso, de 25.000 €, se o centro de traballo de destino do xestor está en Galicia, e de 30.000€, no estranxeiro.