Xoves, 05 Mai 2011 02:00

Economía e Industria destaca a eficacia de Bioemprende para activar proxectos de alto valor engadido

O orzamento da Xunta -preto dun millón de euros- no proxecto Bioemprende ten acadado resultados empresariais moi positivos no eido da I+D+i, segundo salientou o director xeral do Igape, Joaquín Varela. A organización de mesas sectoriais transfronteirizas permitiu detectar máis de 70 ideas de negocio biotecnolóxicas e elaborar unha colección de guías de oportunidades por sectores. Xeráronse plans de negocio viables, creáronse 4 empresas biotecnolóxicas, e polo menos outros 4 proxectos poranse en marcha ao longo deste ano.

Santiago, 5 de maio de 2011.- O director xeral do Igape, Joaquín Varela, salientou hoxe a "eficacia" do programa transfronteirizo Bioemprende para activar proxectos empresariais no eido da biotecnoloxía de alto valor engadido para diferentes sectores da economía galega na clausura da xornada de presentación de resultados do proxecto: "Claves do Éxito na Creación e Consolidación de Empresas Biotecnolóxicas".

Bioemprende, liderado pola Consellería de Economía e Industria a través de BIC Galicia, é un proxecto que inclúe á rexión europea formada por Galicia e o Norte de Portugal, no que participan como socios principais a Fundación Universidade de Vigo, BIC Minho, o Instituto Empresarial do Minho e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Varela de Limia salientou que o orzamento do Goberno galego -preto de un millón de euros- no Bioemprende ten acadado resultados "moi positivos" tanto na "prospección empresarial" neste eido da I+D+i, como na posta en marcha de novos proxectos e mais na "mellora competitiva e da internacionalización" dos xa existentes.

Deste xeito, "o Goberno da Xunta eleva a súa aposta definitiva por acelerar a transición cara a un modelo económico baseado no coñecemento", tal e como recolle o Plan de Innovación, Investigación e Crecemento (i2C), deseñado polo Goberno de Galicia, segundo asegurou o director do Igape na presentación dos resultados que se están a obter co desenvolvemento do proxecto.

Ferramentas de prospección empresarial
Joaquín Varela salientou a organización de mesas sectoriais transfronteirizas do Bioemprende, que permitiron detectar máis de 70 ideas de negocio biotecnolóxicas e elaborar unha colección de guías de oportunidades por sectores, e tamén publicouse unha guía de valoración económico-financeira de proxectos biotecnolóxicos, que facilita información útil a emprendedores e empresas do sector, e 14 Informes de vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva, de utilidade para as empresas .

Ademais creouse un sistema de información xeográfica que permite identificar, en Galicia e o Norte de Portugal, a todas as empresas, centros de investigación, institucións de apoio e recursos biotecnolóxicos existentes. Este sistema de información xeográfica proporciona información moi precisa, de carácter empresarial, e permite establecer relacións entre diferentes variables.

Formación, asesoramento e viveiro empresarial
Neste sentido, Varela de Limia explicou que facilitar aos investidores os labores de prospección das iniciativas existentes, foi unha das prioridades do proxecto. Aínda que este obxectivo vai unido ao programa de formación empresarial, Biotraining, co que "35 bioemprendedores recibiron asesoramento e formación para trasladar ao mercado unha idea que, na maioría das ocasións, xorde dunha investigación".

Froito deste apoio xeráronse plans de negocio viables, creáronse 4 empresas biotecnolóxicas e, polo menos, 4 proxectos máis poranse en marcha ao longo deste ano , ao que cómpre engadir outra iniciativa "especialmente significativa" que permitiu á Consellería de Economía e Industria prestar asesoramento especializado a máis de 15 empresas do sector, para a mellora competitiva e internacionalización dos seus proxectos, un servizo de asesoría profesional que contou con máis de 160 participantes, nos diferentes seminarios e talleres específicos para a xestión de empresas deste eido.

Varela apuntou que para completar a "eficacia" do Bioemprende tamén é preciso "consolidar a dinámica emprendedora xurdida no transcurso deste programa"; para acadar este obxectivo xerouse un viveiro de empresas virtual, para spin-off académicas, e un Observatorio Transfronteirizo de Innovación en Biotecnoloxía, dixo.

Ademais, na xornada foi distinguido o proxecto da Infinity Labs, unha empresa adicada ao desenvolvemento de novos formatos que facilitan o consumo de produtos saudables, como o Plan de Negocio Máis Innovador Bioemprende 2011, e tamén participaron empresas presentes no programa como Ecocelta, Galchimia, Advancell, Hifas dá Terra ou Aqualgae, así como o presidente do grupo Zeltia-Pharmar e da Asociación Española de Bioempresas, José María Fernández Sousa-Faro.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios