Luns, 17 Febreiro 2020 09:23

Pemes e emprendedores galegos da automoción, as TIC e a alimentación buscan novas oportunidades de negocio en Israel

Unha delegación de dez compañías participou na OurCrowd Global Investor Summit en Xerusalén, evento onde se dan cita investidores e startups de todo o mundo. Entre xaneiro e novembro do ano pasado, 156 empresas galegas venderon os seus produtos a Israel, superando o total do volume das exportacións os 88,5 M.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2020.- Unha delegación de dez pemes e emprendedores galegos dos sectores da automoción, as TIC e a alimentación participou esta semana nunha misión comercial a Israel, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e XesGalicia, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña.

En Xerusalén, a delegación está a participar por terceiro ano consecutivo na OurCrowd Global Investor Summit, evento tecnolóxico e de innovación de referencia a nivel mundial onde se dan cita os principais investidores e emprendedores de diversos sectores. Baixo o lema Startups: Going Beyond, a presente edición do foro congrega unhas 20.000 persoas de máis de 150 países e máis de 100 startups, nun espazo de intercambio de tecnoloxía innovadora en saúde, alimentación, clima e ciberseguridade, entre outras sectores, que inclúe reunións corporativas e foros de capital risco.

Ademais da participación neste foro tecnolóxico, a misión comercial galega traballou nos días previos ao evento no impulso das relacións entre as empresas galegas participantes e israelís dos respectivos sectores produtivos, mantendo distintas encontros tanto nas que se abordaron, entre outros asuntos, a transferencia de tecnoloxía e coñecemento, e a aprendizaxe da cultura emprendedora israelí.

Segundo os últimos datos dispoñibles, entre xaneiro e novembro do ano pasado, 156 empresas galegas venderon os seus produtos a Israel, superando o total do volume das exportacións os 88,5 millóns de euros, case un 27% máis que no mesmo período de 2018.  Ademais, o saldo da balanza comercial foi positivo, xa que o valor das vendas ao país asiático superou en 79,81 millóns de euros ao das compras. Por sectores, destacan as exportacións dos produtos industriais e tecnoloxía, que se sitúan en primeiro lugar, cun valor de 60,6 millóns de euros, e dentro deste ámbito produtivo, as dos relacionados coa automoción, que superaron os 43,3 millóns de euros.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios