Santiago, 13 de maio de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria presentou hoxe a convocatoria da nova edición do programa re-Brote 2011, co que "o Goberno galego amplía o compromiso coa viabilidade das empresas galegas, mediante avais de maior cobertura e maior prazo, porque somos conscientes de que a actividade empresarial é unha das bazas máis potentes para reactivar a economía galega".
O re-Brote 2011 amplía o prazo e a cobertura dos apoios prestados, cun programa máis flexible, que inclúe operacións financeiras antes non consideradas, para dar resposta ás necesidades reais da empresa galega, como é o caso das operacións de exportación, e que aumenta tamén o apoio ás empresas máis innovadoras e internacionalizadoras.
Segundo destacou Guerra, a Consellería de Economía e Industria impulsa o Plan re-Brote 2011 para ampliar e mellorar o compromiso da Xunta para apoiar operacións de financiamento de circulante para as empresas galegas con puntuais dificultades de financiamento de circulante. O novo programa, que hoxe publica o DOG, cubrirá o financiamento operativo adicional das empresas a través de operacións a partir de 300.000 euros mediante avais que cubrirán entre o 50 e o 70% dos créditos.
O re-Brote está orientado a aumentar as respostas positivas das entidades financeiras ás empresas galegas con proxectos viables. A cobertura dos avais a conceder a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ao abeiro do re-Brote 2011 mellora en 10 puntos porcentuais as porcentaxes previstas na anterior convocatoria e cubrirá ata o 50% das pólizas de crédito para circulante, ata o 60% nas liñas de crédito para adianto de facturas e ata o 70% no caso de pólizas de xestión de pagamentos a provedores (confirming).
A estas liñas melloradas, no re-Brote 2011 engádese unha cuarta liña, totalmente nova, para avalar ata o 50% de pólizas de responsabilidade, liquidación e garantía de operacións mercantís. Ademais, e tamén como novidade aplicable en todas as liñas, o prazo máximo das operacións poderá ampliarse de dous a catro anos cando as empresas solicitantes acheguen garantías reais, que non son necesarias neste programa. O prazo de presentación de solicitudes ao amparo do programa de garantías re-Brote 2011, estará aberto inicialmente ata o 31 de outubro de 2011.
O programa re-Brote 2011 permitirá garantir operacións de financiamento novas cun importe mínimo de 300.000 €, e un máximo de risco por empresa beneficiaria entre todas as entidades financeiras colaboradoras de 3.500.000 €. Servirá para facilitar o financiamento de pólizas de crédito para circulante, liñas de crédito para adianto de facturas, pólizas de xestión de pagamentos a provedores (confirming) ou pólizas de responsabilidade, liquidación e garantía de operacións mercantís.
Segundo destacou Javier Guerra, con este programa, a Consellería de Economía e Industria "completa e mellora o abano de instrumentos destinados a intensificar os apoios ao financiamento de circulante para as empresas", especialmente afectadas polas restricións crediticias. Neste sentido, o conselleiro destacou que, a través do Igape, a Consellería de Economía e Industria concedeu ou mobilizou no período actual avais por importe de 273 millóns de euros, un 82% máis que no bienio anterior.
O programa re-Brote complementará o re-Solve+, xa en vigor, e a liña xeral de avais do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O re-Brote 2011 está destinado a facilitar o acceso a liñas de financiamento operativo adicional de empresas medianas e grandes. Pola súa banda, a liña denominada re-Solve+, está orientada a facilitar o acceso ao circulante para as microempresas, as pemes e os autónomos.