Venres, 31 Xaneiro 2020 09:13

A Xunta achegará este ano financiamento a 1900 emprendedores e pemes para que poidan impulsar proxectos que mobilizarán preto de 300 M€ en Galicia

O Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2020 dispón de 103 millóns de euros para facilitar o acceso ao crédito e que na Comunidade se asenten novas empresas, de maior tamaño e máis innovadoras. Enmarcado no obxectivo de contar cunha Galicia máis competitiva, o apoio financeiro da Administración autonómica ao tecido empresarial leva permitido, desde 2014, a mobilización de 1371 millóns e o impulso de máis de 12.500 proxectos, máis de 6 ao día. Do total do financiamento achegado neste período, 9,4 de cada dez euros corresponden a iniciativas de autónomos e pequenas e medianas empresas.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020.- A Xunta destina 103 millóns de euros ao Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2020, que permitirá impulsar 1900 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes, superando en máis do dobre os proxectos apoiados durante o pasado ano. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e XesGalicia, prevé mobilizar así preto de 300 millóns de euros mediante os instrumentos financeiros a medida e apoios que contribúen á creación de empresas, o crecemento das pequenas e medianas compañías no ámbito da Industria 4.0 e o apoio ás actividades innovadoras.

A través deste Plan búscase facilitar o acceso ao crédito e que Galicia conte con novas empresas, de maior tamaño e máis innovadoras. É dicir, para consolidar o compromiso cunha Galicia máis competitiva. Entre os diferentes instrumentos que se poñen á disposición das empresas está o novo programa de préstamos para as auxiliares do sector naval. Esta nova liña, que achega apoios entre 50.000 e un millón de euros cun prazo de cinco anos de amortización, forma parte do programa de préstamos directos para o financiamento empresarial, que ten activo o Igape e que apoia tamén investimentos estratéxicos, transportes por estrada que usan combustibles alternativos e infraestruturas de uso compartido e proxectos impulsados por centros tecnolóxicos e asociacións empresariais. Dispón no seu conxunto dun orzamento total de 18 millóns de euros, cos que se prevé impulsar 30 proxectos que mobilizarán 30 millóns de euros.

No que respecta aos instrumentos financeiros innovadores (IFI), mediante unha dotación orzamentaria de 12,2 millóns de euros, esta liña de préstamos diríxese á Industria 4.0, o emprendemento, a innovación e o sector turístico, coa previsión de apoiar durante este ano arredor de 40 iniciativas que mobilizarán 20,3 millóns de euros.

Por outra banda, a liña de avais que ten como beneficiarias ás pequenas e medianas empresas, desenvolta grazas á colaboración da Xunta e as entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca galegas (SGR), prevese que facilite apoios a arredor de 210 proxectos cunha previsión de mobilización de 57,6 millóns de euros, a partir dunha achega de 8,8 millóns de euros.

Ademais, as iniciativas empresariais poden acceder ao financiamento de XesGalicia, que conta cos fondos de Sodiga, para incrementar o tamaño dos proxectos; Galicia Compite, para impulsar a internacionalización e a modernización; Innova Tech, para a incorporación de novas tecnoloxías; e Iniciativas Emprendedoras, para impulsar o ecosistema de emprendemento. Con eles prevese este ano apoiar un total de 27 iniciativas.

O Plan de Financiamento Empresarial inclúe tamén programas de axudas que permiten que as empresas reforcen os seus fondos propios. Entre estes programas inclúense iniciativas xa consolidadas como o Galicia Inviste e o Galicia Emprende, o Galicia Exporta Empresas e as axudas á dixitalización e a proxectos 4.0. Estes compleméntanse con iniciativas novas como os Centros de Fabricación Avanzada. Cunha dotación de 16 millóns de euros, esta nova liña facilitará ás pemes as infraestruturas necesarias para modernizar a industria galega, apoiando a creación de espazos de uso aberto e compartido que impulsarán a competitividade e avanzarán na implantación da Industria 4.0.

Máis de 12.000 beneficiarios desde 2014

Desde a posta en marcha en xuño de 2014 deste paquete integral de apoios, o Goberno galego facilitou o acceso ao financiamento a 12.499 empresas e autónomos, o que supón unha media diaria de máis de 6, impulsando así a mobilización de 1371 millóns de euros, preto de 250 millóns ao ano.

As diferentes liñas de axudas chegan de xeito maioritario a autónomos e pemes, que mobilizaron máis de 1250 millóns de euros, un 92% do total. Cómpre salientar tamén que 9,4 de cada 10 euros do financiamento achegado permitiron o desenvolvemento de proxectos de autónomos e pemes.

Por outra parte, o 85% dos apoios estiveron dedicados a investimentos para o desenvolvemento de 8450 proxectos empresariais, que mobilizaron máis de 1160 millóns de euros, o que supón un 85% do total mobilizado. O resto dos apoios destinouse a reforzar o capital circulante, facilitando así a mobilización de máis de 208 millóns de euros, o 15% do total.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios