Santiago, 23 de maio de 2011.- A través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Economía e Industria acaba de activar unha póliza destinada a dinamizar a internacionalización das pequenas empresas galegas achegando aseguramento para cubrir riscos e o financiamento das súas exportacións.
Este novo instrumento de apoio, presentado hoxe polo director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, ten como obxectivo "dinamizar e asegurar as primeiras exportacións das pequenas empresas galegas procurando que non teñan que asumir custos previos nin pólizas propias gravosas", explicou.
Varela de Limia destacou que "avanzar na internacionalización das empresas galegas e, como consecuencia, incrementar as exportacións de Galicia, é fundamental para consolidar a recuperación da nosa economía". Esa é a razón pola que a Consellería de Economía e Industria ten incrementado ano tras ano os orzamentos para acelerar a internacionalización do tecido produtivo galego, dixo.
Para reforzar este obxectivo de importancia estratéxica, o Igape pon agora a disposición das pequenas empresas galegas un seguro preparado para cubrir, inicialmente, exportacións por importe de 500.000 euros neste ano, unha facturación ampliable en función da demanda, segundo explicou o director xeral do Igape.
As operacións a asegurar mediante esta póliza contratada polo Igape terán importes indicativos comprendidos entre os 6.000 e os 25.000 euros, e os custos para as empresas beneficiarias dependerán do importe, do prazo de pago e do risco do país destino pero serán mínimos, de arredor do 1,2% da mercadoría asegurada.
Ademais de cubrir os riscos de impago, segundo salientou o director xeral do Igape, a póliza poderá servir como garantía para o financiamento anticipado das exportacións das empresas acollidas, que poden facer valer diante das súas entidades financeiras a garantía da compañía estatal CESCE para anticipar o cobro das súas vendas.
Joaquín Varela amosou a súa confianza en que este seguro constitúa un aliciente máis "para conseguir que as empresas galegas se animen a emprender a vía das exportacións, para facerlle fronte ás dificultades dun mercado interno aínda retraído".
O director do Igape recoñeceu que o empresariado galego está cada vez máis convencido de é necesario proxectarse cara aos mercados exteriores, o que explica tanto o incremento dos orzamentos para internacionalización, que pasaron de 5,6 millóns de euros en 2008 a más de 18 millóns en 2010, como o crecemento do número das axudas aprobadas, que o ano pasado medrou nun 162% sobre o ano anterior.
Varela de Limia tamén estimou que a evolución favorable das exportacións galegas, que creceron nun 23,4% no primeiro trimestre deste ano, "non é tampouco allea a este maior compromiso de apoio público a prol da internacionalización das empresas".