Mércores, 01 Xuño 2011 02:00

A actividade do Igape desenvólvese “con absoluta normalidade”, en apoio do tecido produtivo galego

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, recibiu aos presidentes da CEG, do Consello Galego de Cámaras e aos representantes sindicais na Mesa do Diálogo Social. Salientou que o Instituto que preside e agora dirixe está a funcionar con total normalidade para procurar facilitar servizos e apoios aos empresarios e aos emprendedores que os soliciten. Guerra amosouse convencido de que contará coa colaboración das forzas sociais para impulsar a "un tecido produtivo que precisa do Igape para que as empresas poidan manter a súa actividade, realizar investimentos, mellorar a súa competitividade ou avanzar na súa internacionalización".

Santiago, 1 de xuño de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, reuniuse hoxe co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, co presidente do Consello Galego de Cámaras, José García Costas, e cos representantes sindicais presentes na Mesa do Diálogo Social para informalos sobre a situación de absoluta normalidade coa que se está a traballar no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para desenvolver o seu labor de promoción da actividade empresarial.

O conselleiro de Economía e Industria reuniuse en primeiro lugar cos representantes sindicais na Mesa de Competitividade do Diálogo Social, Maica Bouza e Daniel Costas, por CCOO, e José Carlos Rodríguez del Río, por UGT, e explicoulles a situación do Igape, que agora preside e dirixe. Javier Guerra informou sobre os seus encontros de traballo co resto dos directivos e co persoal do Igape "para asegurar que a actividade do Instituto se desenvolve con total normalidade, para seguir cumprindo un papel de promoción empresarial que sabemos fundamental para que o tecido produtivo de Galicia, para que miles de empresas desenvolvan tamén con normalidade un labor imprescindible para afianzar a recuperación da economía galega".

Tanto neste encontro como nos desenvolvidos a continuación cos presidentes da CEG e do Consello Galego de Cámaras, Javier Guerra amosouse plenamente convencido de que contará coa colaboración de todas as forzas sociais para transmitirlle a sociedade en xeral, e especialmente aos empresarios, a situación de "absoluta normalidade" coa que está a traballar o Igape. O conselleiro pediu apoio para facerlle chegar esa situación de normalidade a un tecido produtivo que precisa do Igape "para que as empresas poidan manter a súa actividade, para realizar novos investimentos, mellorar a súa competitividade ou avanzar na súa internacionalización".

Durante os seus encontros, Javier Guerra insistiu en transmitir que a actual situación en modo algún vai ralentizar nin, moito menos, paralizar a normal actividade de promoción empresarial que desenvolve o Igape. O conselleiro asegurou ter constancia de que os expedientes foron estudados sempre coa máxima atención para asegurar a súa adaptación aos correspondentes marcos normativos, polo que a nova situación creada pola investigación en curso "non ralentizará as tomas de decisión que correspondan".

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios