Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou, durante a apertura da xornada que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela, a importancia dos investimentos que as pemes realizan no eido da fábrica intelixente e a transformación dixital como instrumentos de impulso da competitividade do tecido produtivo galego.
No encontro, no que participaron empresarios e profesionais, informouse sobre os apoios que ofrece o programa Activa 4.0, posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria conxuntamente co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI). O director do Igape destacou que esta liña de apoios, que achega desde asesoramento ata financiamento para que as pemes avancen en dixitalización, comparte os obxectivos da nova folla de ruta da Axenda 4.0 para 2019 e 2022 do Goberno galego, que reforza os programas xa en marcha, como as axudas á dixitalización e os proxectos Industria 4.0, e incorpora novas iniciativas.
Así, entre os novos programas que impulsan o desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0, está a liña de axudas Profesionais 4.0, xa en funcionamento, que incentiva a contratación e a formación de novos titulados universitarios e de técnicos superiores en FP para a realización de plans de mellora competitiva.
Nese sentido, Cividanes lembrou que o Consello da Xunta vén de dar luz verde aos centros de fabricación avanzada, programa que, cunha dotación de 16 millóns de euros ata 2022, apoiará a creación de espazos de uso aberto e compartido para impulsar a modernización do tecido empresarial galego e avanzar na implantación da Industria 4.0. Salientou que proximamente se activará tamén a liña Maquinaria 4.0, co obxectivo de reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra de tecnoloxía feita en Galicia.
A xornada incluíu ademais demostracións das tecnoloxías aplicables da nova industria así como presentacións de caso de éxito en transformación dixital de empresas que desenvolven procesos de este tipo, realizadas por representantes de Sicasoft Solutions, Inycom, Televés e X-Elio.