Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019.- O Consello da Xunta autorizou a posta en marcha dunha nova liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que, mediante unha dotación de 16 millóns de euros ata 2022, apoiará a creación de centros de fabricación avanzada de uso aberto e compartido para impulsar a modernización do tecido empresarial galego e avanzar na implantación da Industria 4.0.
O novo programa busca mellorar a competitividade das pemes galegas promovendo que a iniciativa privada poña á disposición das empresas espazos para a prestación de servizos que non serían rendibles sen a colaboración. Poderanse xerar, entre outras infraestruturas, centros de ensamblaxe, loxística e recursos tecnolóxicos, espazos maker de fabricación compartida ou o acondicionamento especializado de solo industrial.
Os apoios poderán cubrir ata o 80% do investimento realizado nas infraestruturas que se creen e que se poñerán a disposición dos usuarios interesados de forma aberta, cun prezo de uso ou venda equivalente ao do mercado e cunha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice.
Para o deseño desta iniciativa, o Igape activou unha consulta previa entre o tecido produtivo galego á que responderon empresas e outros axentes económicos e que permitiu coñecer a demanda que teñen este tipo de espazos industriais, presentándose un total de 26 manifestacións de interese.
O programa de centros de fabricación avanzada, que se desenvolven ao abeiro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), primará a inclusión destes centros nos Hubs de Innovación Dixital apoiados polo Goberno galego tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes. Trátase das iniciativas Factories of the future (Fábricas do futuro), liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e centrada na internet das cousas e a intelixencia artificial; e Datalife, liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e que pon o foco no manexo de grandes cantidades de información (big data).
Os Hubs de Innovación Dixital funcionarán achegando unha carteira de servizos ás pemes de capacidades tecnolóxicas na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento galegos ofertan ás pemes, facilitando tamén apoio integral para levar os produtos e servizos innovadores ao mercado.